Visitamos o 19º Salón Internacional de Cómic de Barcelona

Ó Saló de Barcelona

Xa estamos de volta. Culturagalega achegouse ó Saló do Cómic para presentar á afección do todo o estado os traballos os autores e fanzines made in Galicia.

Foi o día da inauguración, o xoves pola tarde, cando fixemos a presentación deste espacio e, vendo a velocidade coa que se esgotaron os nosos lapis promocionais, e a xente que se achegou para ver na pantalla do noso portátil a última edición deste soportal, parece que alomenos picoulles a curiosidade, e era común a sorpresa de ver a grande cantidade de autores e de fanzines que existen por acó (e aínda os que nos faltan)



Ademais, tentamos contactar coa afección galega desprazada ata aló, aínda que a inmensa cantidade de xente que se achegou estes días pola Estación de Francia fixo difícil atopar algún galego por aló. De calquera xeito, vimos a Carlos Portela, un vello coñecido destas citas e falamos un pouco con Breixo Harguindey, encargado da organización do Salón de Actos.



O Saló en si, moi interesante. Longas colas na busca de autógrafos, exposicións moi ben montadas coma as de Max e Carlos Giménez, unha grande cantidade de postos de tendas e de editoriais e, sobre todo, fans de todas as clases roldando e comprando, algúns deles disfrazados dos máis diversos personaxes de banda deseñada. En canto a novidades editoriais, moitas, boas, e inevitablemente caras. Por desgracia, ningún autor galego entre os últimos lanzamentos editoriais.



Breixo Harguindey accedeu amablemente a concedernos unha breve entrevista na que nos explica qué fai un rapaz de Cangas na organización do Saló e fai un balance sobre a situación da banda en Galicia.



Pouco máis que dicir, só que realmente foi unha pena non ter visto máis galegos por aló, aínda que sabemos que desde a asociación Funcomic da Coruña se achegaron. Agardamos coincidir para outro ano, e que sexan tamén máis os debuxantes galegos que van a Barcelona a presentar as súas obras.