Galicia dá novos pasos e incrementa a súa presenza no Saló de Barcelona con novas candidaturas aos premios anuais

BD na vía catalá

Xa comeza a soar a tópico. A continuar a tendencia dos últimos anos, o Saló del Còmic de Barcelona, que abre as súas portas este xoves oito de xuño, conta cunha crecente presenza galega. Dúas exposicións, postos na zona de fanzines e unha primeira achega á zona profesional da man de Faktoría K completan un panorama onde destaca a presenza de múltiples autores e as candidaturas de "Barsowia" a mellor fanzine e de David Rubín a autor revelación.

Se o ano pasado críticos coma Álvaro Pons (La Cárcel de Papel) ou editores coma Maikel (El Jueves) ou Vicente Galadí (Ariadna Editorial) coincidían en afirmar que Galicia estaba a conseguir un oco por dereito propio no Saló de Barcelona, este ano non poderán menos que recoñecer que o noso país está a consolidar e a ampliar ese espazo. En 2005 era BD Banda quen levaba o premio ao mellor fanzine, conseguindo por primeira vez esta distinción para unha publicación en galego. Na lista de candidatos quedou o "Fanzine Enfermo", dirixido polo coruñés Alberto Vázquez e o valencián El Félix. Canda a eles, Miguelanxo Prado facíase cos premios ao mellor obra e mais ao mellor guión por "A mansión dos Pampín". No espazo de fanzines, o posto de Mariano Casas e mais o de "Enfermo" achegaban ao público as publicacións máis relacionadas con Galicia. Este ano todo vai moito máis aló.

Prado, axenda completa
A xeito dunha secuela destes galardóns, nesta edición o Saló contará cunha mostra dedicada a Miguelanxo Prado. Baixo o título "Unha ironía especulativa" achegará unha boa parte do material do álbum que lle valeu os dous galardóns o pasado ano canda a outros traballos do autor. A idea é percorrer a súa traxectoria na última década tempo transcorrido desde a anterior exposición que o autor celebrar neste evento. Ademais, Prado achegará ao Saló a reedición de "El manantial de la noche", guionizado por Fernando Luna e a súa agardada obra "Belo Horizonte", un relato ilustrado sobre esta cidade brasileira. A axenda de Prado para este evento complétase coas xa habituais sesións de sinaturas (previstas para o día once a partir das dez e media) e coa súa participación na mesa redonda "Cómics continentais e transatlánticos" con Dave Gibbons e Jacques Loustal entre outros.

BD Banda plus
Tamén de volta dos premios, BD Banda achega unha mostra de orixinais dos traballos que apareceron publicados nos seis números da revista. Esta exposición recupera o material que xa se puido ver no último "Viñetas desde o Atlántico". Canda á mostra, este colectivo contará por primeiro ano cun posto propio na área de fanzines, onde se poderá adquirir o flamante número especial da publicación. Esta edición, por primeira vez en castelán, recolle a toda cor unha escolma dos traballos aparecidos nos números xa publicados, ademais de achegar unha ampla reportaxe sobre a BD do país e mais varios textos de opinión. De xeito paralelo, a vertente editorial desta iniciativa, a "Colección BD Banda" de Faktoría K, estará presente na área profesional. Será a través dun posto compartido coa libraría madrileña Arkham Cómics, onde os interesados poderán adquirir os títulos integrados nesta serie. Segundo sinala Kiko da Silva, director da colección, finalmente non será posible chegar a este evento con "Vilaverzas" e "Detectives audaces", últimos lanzamentos editoriais. De calquera xeito "vaise facer unha presentación, o domingo once, dos álbums e mais da colección, ensinaranse a portadas e haberá ademais unha sesión de sinaturas" na que está previsto que participen Da Silva e mais Javier Olivares, segundo sinala o director do proxecto. Da Silva apunta tamén que xa ten acordadas entrevistas coas editoras francesas Dargaud e Delcourt con vistas a desenvolver novos proxectos. Ademais, actuará de anfitrión na presentación dos fanzines, como director do gañador da última edición. Na súa faceta de autor, este debuxante participará nas sesións de sinaturas que organiza Edicións El Jueves (sábado e domingo pola tarde). Con el estará nalgunha desas sesións Víctor Rivas, que tamén acudirá convidado por Dolmen Editorial por mor da súa participación no especial de "Los Reyes Elfos". Tamén participa neste volume o Vigués Norberto Fernández, que acudirá ao festival, do mesmo xeito que o ano pasado, co seu irmán Jacobo.

Polaqia e adláteres
Desde o colectivo Polaqia achegaranse ao Saló exemplares dos últimos números de "Barsowia", o fanzine galego que compite para se facer co premio á mellor publicación deste tipo editada o pasado ano. O venres ás 12:30 presentarase publicamente a que é a primeira obra longa profesional de Manel Cráneo e o novo lanzamento de Kike Benlloch como guionista. Trátase de "Dámsmitt", editado pola madrileña Dibbuks, que organiza no seu posto unha sesión de sinaturas para a unha e media nesa mesma data. Ademais, varios membros do grupo, como o propio Benlloch, os irmáns Hugo e Sergio Covelo e mais David Rubín agardan desenvolver neste evento diferentes entrevistas profesionais para as que xa teñen concertadas citas con editoras. De Rubín quedamos tamén pendentes pola súa candidatura a autor revelación deste ano por mor do seu "O circo do desalento", unha obra que a editora vasca Astiberri tamén aproveitará para pór de longo neste evento. Tamén tocando o pau do fanzine, a dirixir o "Fanzine Enfermo", ao tempo que o de autor profesional, acode ao Saló Alberto Vázquez. Ademais de ter de candidata a mellor fanzine e por segundo ano a publicación que dirixe e de estar presente no posto da mesma, presenta "Psiconautas", tamén con Astiberri e tamén abrindo a súa faceta de autor de obra longas.

Autores e fanzines
A presenza galega non estaría completa no Saló se esquecemos o posto que o infatigable Mariano Casas achegará á zona de fanzines. Veterán entre os galegos, logo de anos a achegar en solitario o proxecto "Tourolandia" desde o noso país, participa de novo no evento coas súas autoedicións, entre as que destaca "Las historias de mariano", o groso volume a toda cor que presentaba no noso país a pasada primavera. Como única baixa a respecto do ano anterior, o estudio "Cerditos de Guinea", de Gochi, que participara cun posto na zona profesional en colaboración cunha distribuidora levantina. "A verdade é que as vendas non foron moi boas e acabamos perdendo cartos, así que este ano optei por non repetir", sinala o autor. Tamén en canto a presenza de autores obsérvase algunha baixa a respecto de edicións anteriores. "Non vin ningunha editora convidada que me interesase moito. Ademais, o ano pasado paguei un pouco a novatada de ir sen un proxecto de obra a falar cos editores e comprobei que só con ilustracións é moi difícil venderse", sinala Santy Gutiérrez, un dos que non recuncan este ano. Tampouco Miguel Porto nin Enma Ríos contan con se achegar polo Mediterráneo desta volta.

De calquera xeito, e a pesar desa aparente diminución de autores, non cabe dúbida de que a nosa BD vai estar máis presente do que nunca nesta feira a través das súas mostras e publicacións. Agardamos que co paso dos meses vexamos os froitos deste encontro.