
Canda a este, a Axencia Galega das Industrias Culturais daba a coñecer e entregaba esta mañá os seus outros galardóns de escrita dramática. Así, Carlos Labraña recibía no acto que se celebrou na Cidade da Cultura o IX Premio Manuel María de literatura dramática infantil. O seu traballo O valo narra o encontro entre unha nena que foxe da guerra de Siria e un rapaza Soldado.
En canto ao XII Premio Barriga Verde de Teatro para Títeres, Roi Vidal Ponte impúxose na categoría para adultos coa súa Marcha fúnebre para un monicreque, na que reflexiona sobre o escénico e o extraescénico e homenaxea os oficios técnicos do teatro. No apartado dedicado ao público infantil, Inacio Vilariño sumou o seu terceiro premio neste certame. Os golfiños e o xigante reivindica a vida dos animais en liberdade cunha historia que mestura a técnica de sombras chinesas co audiovisual.
En total presentáronse a estes galardóns, dotados con cadanseus 6.000 euros e a posibilidade de publicar a obra, 72 textos. Destes, 38 optaban ao Álvaro Cunqueiro, 11 ao Manuel María, 8 ao Barriga Verde para adultos e 15 competían na categoría infantil deste último.