Carlos Labraña obtén dous dos premios de escrita dramática da Xunta

AveLina Pérez levou o Álvaro Cunqueiro para textos teatrais e Andrea Cid Freire o Barriga Verde para público infantil

A Xunta de Galicia daba a coñecer na mañá deste 12 de novembro o fallo dos galardóns de literatura dramática que convoca de xeito bienal. O XXVII Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais foi para AveLina Pérez, que se impuxo coa obra Incidencia muller pedra ás 62 propostas a este premio. É a segunda vez que Pérez obtén este galardón, que conta cunha dotación de 8.000 euros en metálico.

O xurado destacou da súa obra o ser un canto á liberdade individual cunha "enorme carga poética", a partir da que se constrúe "un retrato moi íntimo da protagonista, ao tempo que se poñen na mesa grandes temas de transcendencia filosófica e social: a alienación, a moralidade social e o papel do individuo fronte a sociedade".

Pola súa banda, Carlos Labraña fíxose con dous dos premios desta edición, cada un deles dotado con 6.000 euros. O dramaturgo recunca no Manuel María de literatura dramática infantil con O carteiro de Ximaraos, unha obra que aborda "dun xeito sensible, coidado e con profundidade" a situación das crianzas que conviven cun familiar doente e o conflito interxeracional que os separa. O texto trata cuestións como a importancia da memoria, a tradición e a transmisión do legado familiar, cunha detallada construción das personaxes e o emprego dunha linguaxe simbólica e metafórica, incluíndo elementos de realismo máxico. Presentáronse a esta edición do premio un total de 18 propostas.

Ademais, Labraña impúxose no XVI Premio Barriga Verde de Teatro para Monicreques entre as 8 propostas presentadas con O faro, "unha peza teatral profundamente evocadora, unha mostra da potencialidade da linguaxe dos monicreques para tratar temáticas duras e de alcance universal". Segundo sinala o fallo do xurado, a obra "reafirma, deste xeito, o poder do teatro como ferramenta de resistencia e de lembranza, facéndonos ver que, en ocasións, a única solución para combater as sombras é apagando a luz", nunha historia ambientada na tristemente célebre Desbandá, que se produciu en Málaga durante a Guerra Civil española.

Finalmente, Andrea Cid Freire obtivo tamén os 6.000 euros na modalidade do Premio Barriga Verde para público infantil. A súa proposta, Manchea, desmonta os tópicos sexistas dos contos tradicionais e reformula os papeis tradicionais a través da crítica social "cunha linguaxe rica e áxil que mestura humor e elementos fantásticos, cun destacado uso da rima e a eufonía". En total presentáronse a esta categoría un total de 19 textos dramáticos.

O xurado desta xeira estivo integrado por Mariana Fernández como presidenta e por Fernando Castro Paredes, Iván Fernández, Dani Salgado, Eva Mejuto e María Torres como vogais.