A lista White Ravens selecciona Teño uns pes perfectos de María Solar

É un dos oito libros que representan a edición española no catálogo

A Feira Internacional do Libro de Frankfurt, que está a desenvolverse estes días, acolleu a presentación do prestixioso catálogo alemán The White Ravens 2016 que reúne os 200 mellores libros infantís e xuvenís seleccionados pola Internationale Jugendbibliothek entre a produción editorial do pasado ano en todo o mundo. O libro Teño uns pés perfectos, de María Solar e Gusti, editado por Kalandraka na colección Seteleguas, é a representación galega e unha das oito españolas nesta prestixiosa escolma no presente ano. María Solar (Santiago de Compostela, 1970) é escritora e xornalista, traballa na Televisión de Galicia e na Radio Galega. No seu libro conta como Melchor, un rapaz que aspira a gañar unha competición e ser "o neno máis listo", terá que demostrar os seus coñecementos sobre os pés. Un libro dentro doutro libro con sorprendentes descubertas sobre esta parte tan importante do noso corpo. Os seleccionadores da lista destacan o aspecto “novidoso e inusual” dun libro sobre os pés. Teño uns pés perfectos e un dos títulos destacados por Kalandraka no seu stand da Feira onde, ata o domingo 23, mostra as súas obras de máis recente publicación e un adianto das próximas novidades aos axentes literarios, distribuidores e outros profesionais do sector do libro.