O FKM programa unha "semana fantástica" para A Coruña

O festival de cine de fantasía e terror ofrecerá numerosas actividades alén das proxeccións

Cartel da Oitava edición do FKM
Cartel da Oitava edición do FKM
A oitava edición do FKM, Festival de Cinema Fantástico da Coruña, comezará o vindeiro luns, 24 de outubro, cunha video regueifa entre Manel Cráneo e John Tones e rematará cun paseo zombi o luns, 31 de outubro. Por vez primeira o FKM durará toda unha semana. Entre medias esta crecida edición do festival encherá a cidade cun completo programa de actividades no que se atopan mesas redondas, conferencias e obradoiros con algúns dos representantes do panorama nacional e internacional deste xénero cinematográfico. A Fundación Seoane, o CGAI, o Fórum Metropolitano, O MAC ou os Cantóns Cines, acollerán actividades e proxeccións. Dende o martes ata o domingo, ás 11:30 horas da mañá ofreceranse no MAC proxeccións de referentes destes xéneros, e o sábado e o domingo achegarán títulos infantís para cativas e cativos como Dragon Ball Z. Pola tarde, en horarios de 18:00 horas e 20:30 horas, o CGAI albergará proxeccións de grandes nomes cinematográficos do ano 2016 e algún clásico dos xéneros. Ademais proxectaranse as curtametraxes participantes no Concurso Internacional FKM. Cabe destacar que nesta sección de competición estrearase a curtametraxe Four | Three | Four | Zero das irmás coruñesas Sonia e Miriam Albert Sobrino.


Ademais o FKM conta coa sección Made-in-Galicia na que fara destacar diferentes traballos audiovisuais de realizadores autóctonos. Este ano tamén se presenta como novidade o Iº Concurso Internacional de Guión para Cortometrajes FKM 2016, organizado en colaboración coa Asociación Galega de Guionistas (AGAG), a Asociación Galega de Produtoras Independientes (AGAPI) e a European Women’s Audiovisual Network (EWA). De martes a xoves o Fórum será escenario para as "mesas cadradas" nas que referentes galegos, nacionais e internacionais debaterán sobre animación, o importante traballo das creadoras do audiovisual ou videoxogos. En colaboración coa Semana de Cine Fantástico e de Terror de San Sebastián, o FKM renderá homenaxe ao “Padriño” do xénero Gore, Herschell Gordon Lewis (1929- 2016), pioneiro do cine de terror máis visceral e histórico do cine de xénero independente. A homenaxe terá lugar o saábado así como os obradoiros e masterclass de Pablo Perona e Louis Savy, mentres que o domingo terá lugar a entrega dos premios e trofeos. O luns 31 de outubro rematará esta oitava edición de FKM coa zombi walk comezando no Obelisco.
Ligazóns