A muller protagoniza a nova edición de AMAL

A XIV Semana de Cine Euroárabe presenta 11 filmes do 24 ao 29 de outubro

O Auditorio Abanca de Santiago de Compostela acolle un ano máis as proxeccións da Semana de Cine Euroárabe AMAL. A décimo cuarta edición deste encontro achegará entre o 24 e o 29 de outubro un total de once títulos nun programa que ten como eixe temático a muller. Ave María do cineasta palestino Basil Khalil abre as funcións o vindeiro luns 24 ás oito e media da tarde cun coloquio co público no que participará o propio director canda a Daniel Yáñez, guionista da fita. A viaxe de Ghada, filme realizado polo alumnado do CEP Ventín de Milladoiro, en Ames, 10 anos e divorciada da yemení Khadijah Al-Salami, a comedia romántica saudí Barakah meets Barakah ou 3.000 noches da palestina Mai Masri, son outros dos títulos que se poderán ver nesta edición.

O director do festival, Ghaleb Jaber Martínez reclamou nunha carta pública unha maior atención por parte do goberno municipal de Compostela a este evento, a sinalar que "sufrimos o desprezo pola cultura árabe por parte dos políticos da nosa cidade, que actúan coma se o cine árabe fose parte dunha cultura inferior".