Carlos Portela e Fernando Iglesias "Kohell" retoman a serie que os lanzou á fama.

O retorno á illa

O guionista Carlos Portela e o debuxante Fernando Iglesias (baixo o nome artístico 'Kohell') retoman a súa obra "Impresiones de la Isla" dez anos despois da súa concepción orixinal.

O primeiro traballo desta nova etapa da serie foi unha tira publicada o pasado 17 de marzo en "El cine de papel" páxina dominical de banda deseñada que realiza Kohell en Diario de Pontevedra.



"Impresiones de la Isla" foi unha serie creada por Carlos Portela e Fernando Iglesias a primeiros da década dos 90, e só dúas das dez entregas que tiñan previstas viron a luz no extinguido selo barcelonés Camaleón. A obra valeulles ós dous creadores as nominacións a autor revelación e a Carlos Portela a candidatura mellor guionista nos premios do Saló del Còmic de Barcelona en 1994.



A serie é un curioso experimento dentro da banda deseñada mundial. Fortemente influenciado por algúns dos autores máis clásicos da arte secuencial, como George Herriman ("Krazy Kat"), Cliff Sterret ("Polly and her pal"), ou E. C. Segar ("Popeye"), non se limita a ser unha homenaxe a estes creadores e as súas obras, senón que propón unha "vía alternativa" á gramática que rexe a narración gráfica convencional da actualidade. En palabras de Portela: "Fernando e mais eu o que pretendemos con 'Impresiones de la Isla' é preguntarnos, e dar unha resposta, a que tería pasado se os creadores de cómic non tivesen asumido de xeito tan xeral as limitacións narrativas propias do cine".



No aspecto puramente gráfico -máis sinuoso e próximo a traballos recientes como "O cine de papel" (Diario de Pontevedra)- Fernando Iglesias explica que "a intención é recuperar o estilo do nº2 de 'Impresiones', só que por suposto, polo medio hai unha década de evolución gráfica, eu xa non debuxo igual que entón".
Na primeira banda de "Impresiones" publicada agora no rotativo pontevedrés aparece o personaxe de Chufas, vello coñecido dos afeccionados a esta serie.



As ubicacións da exótica illa á que Portela e Kohell nos levan arremedan os escenarios de teatro, evocando os antigos espectáculos musicais e vaudevilles. Noutra orde de homenaxes, o formato folio da edición orixinal do título rendía tributo ós 'sundays', as bandas deseñadas publicadas a páxina completa nas edicións dominicais dos diarios estadounidenses de primeiros do século XX.