A nosa crónica da edición de 2001 de Viñetas desde o Atlántico.

A Coruña: Unha ollada a un mar de cadriños

Achegámonos a Viñetas desde o Atlántico moi brevemente para coñecer o maior encontro que se celebra en Galicia arredor da banda deseñada. E non ficamos decepcionados.


Un festival con autores de primeira liña, exposicións da máxima calidade e unha grande cantidade de tendas agardábanos na Estación Marítima e nos xardíns de Méndez Núñez. Velaquí o que atopamos nun encontro que se consolida ano a ano coma cita ineludible para os afeccionados de todo o mundo.



Cousas que se vían


Quince exposicións dos máis diversos autores e temáticas reunían máis de setecentos orixinais na estación marítima. Desde o expresionismo do americano Marc Hempel ó particular estilo do noso Xaquín Marín. Das publicacións españolas de entre os anos cincuenta e 1975 ós traballos premiados no certame dos Instituto de la Juventud do ano 2000. Dos novos autores arxentinos da mostra ConSecuencia ós consagrados Rick Veitch ou Das Pastoras. Variedade e calidadade: Orixinais perfectamente enmarcados e iluminados, con grandes monolitos nos que se explicaba o contido de cada mostra. Salas e máis salas nas persoas de todas as idades paraban e descobrían a feitura da novena arte. A Estación Marítima en pleno chea de mostras. Só ficaba libre a entrada onde unha enorme Wonder Woman nos recibía entre unha seleccción de personaxes de todos os tempos e onde se formaban as fileiras para acadar os ansiados debuxos e sinaturas dos autores convidados. No estremo esquerdo do edificio, o amplo salón de actos recollía os carteis das catro edicións do Festival da Banda Deseñada, como reza o subtítulo. No outro extremo, un soño para os afeccionados: a sala de lectura. Unha pequena bedeteca onde se podían atopar desde os volumes de "Hazañas Bélicas" que algún home maior lía con avidez e un punto de nostalxia, ás últimas produccións americanas pasando polos clásicos franco-belgas. A fachada estaba adornada por un enorme buque debuxado por Miguelanxo Prado no que se embarcaban os heroes do papel e que nos convidaba a deixarnos levar.



Había que cruzar a rúa e pasar o Kiosko Alfonso para ver o resto das instalacións do encontro. Os xardíns de Méndez Núñez acollían trinta e catro postos nos que se podían ver a maioría das editoriais do Estado Español (de feito nalgún deles podíamos ver os propios editores vendendo os seus productos). Onda as editoriais, librerías especializadas, a asociación Funcomic da Coruña, a Casa da Xuventude de Ourense promocionando a XIII Semana de Banda Deseñada, os rapaces de Mundofreak.com... De acordo que non eran tantos coma no Salón de Barcelona, pero trinta e catro postos aínda son. E hai que ver a diferencia da aceptación do cómic en Cataluña e en Galicia. E por certo, nada de recinto especial previo pago, os postos na rúa, e por alí paraban desde os rapaces máis pequenos que se achegaban a ver a Colección Olé ou os mangas televisivos ata os máis anciáns que podían adquirir orixinais e reproduccións das coleccións máis vetustas. Desde logo non se pode negar que é un bo xeito de crear afección.



Os problemas


Desde a afección oímos queixas porque un ano máis se retrasou ata o martes a distribución dos programas. De que as presentacións das mañás non estaban ben anunciadas. Do problema que sufriron os diferentes fanzineiros cando a última hora atoparon que non tiñan o posto prometido pola organización. Pouco máis, e a verdade é que hai que sinalar que non é moito nun evento deste tamaño.



Cousas que pasaban


Nós estivemos aló un venres. Xa pasaran pola mesa do Salón de Actos Rick Veitch, Xaquín Marín, Lorenzo Díaz, Carlos Puerta, Philippe Dupuy, Charles Berberian, Carlos Nine e Das Pastoras. Case que nada. E aínda faltaban Álex Fito, Teddy Kristiansen, Kano, Rubén Pellejero, Jorge Zentner e Mark Hempel. ¿Cal de todos eles é a estrela? Pero aínda houbo máis. Polas mañás déronse a coñecer á prensa as máis diversas iniciativas no sector. Desde "BD Banda" ou "Mmmh!" ata nós mesmos, os lanzamentos de Whamcomics ou os últimos traballos de Das Pastoras. Realmente moito, moito. Aló vimos a toda a xente do mundiño que xa coñecíamos e aínda uns cantos máis que coñecemos aló. Hai que dicir que o café Copacabana, no medio dos Xardíns de Méndez Núñez, convertiuse durante toda a semana nun centro neurálxico de reunións onde todo o mundo semellaba coñecerse. E polas noites, concertos. A banda da Cidade Herculina, o Festival de Folclore, o grupo "Birimbao". Un pouco de todo para animar as últimas horas de cada día de banda deseñada. Porque o horario tamén era alongado. De doce a dúas polas mañás e de seis a dez polas tardes. Seis horas que non eran de abondo para ve-las mostras, acudir a algunha conferencia, buscar a ganga nos postos e ler ese álbum que sempre nos deu curiosidade. Non houbo forma de velo todo. Pero o visto foi moi agradable.



En outubro máis


En fin, realmente foi unha pena non poder estar máis días. A ver se para o ano. Non me estraña que cada vez sexan máis os profesionais do medio que toman as súas vacacións coincidindo coa semana de "Viñetas desde o Atlántico", nin que os autores convidados en anos anteriores volten por propia iniciativa. E, por se fose pouco, non hai que pagar nada máis que o que merques (ata podías levar un cartel gratis). Estivemos moi pouco tempo. Agora só nos queda agardar polas Xornadas de Ourense, aínda alá en outubro, onde nos voltaremos ver todos.