Contámosche todo o que aconteceu no V Salón de Cómic de Cangas.

Crónica de Cangas

Un pormenorizado percorrido pola quinta edición do festival de banda deseñada de Cangas (Pontevedra).

Venres vintesete de xullo. Logo dunha hora de camiño, o bus por fin chega a Cangas. Para dous días que me toca traballar nas vacacións vai un sol de raio. Camiño ata o Instituto Rodeira polo paseo marítimo que pasa á beira da praia do mesmo nome. Chea, por suposto. E eu nin trouxen bañador. Non teño escapatoria. Vou ter que estar dous días pendente do V Salón de Cómic de Cangas.



Poucas persoas, moitos personaxes


Recén aberto, o pabillón do instituto non amosa moita actividade. A pesar do reclamo que supuñan os enormes Mortadelo e Filemón postos á porta e do cartel anunciador, non hai moita xente. O que si se ve por todas partes son debuxos. Tres das paredes do recinto amosan os traballos presentados ó certame de Banda Deseñada que organiza o Concello, unha boa selección de debuxos orixinais da recentemente extinta revista "Golfiño" e debuxos orixinais de series como "Superman", "Predicador" ou "Batman", cedidos por DC, o xigante americano da banda deseñada. Os autores destes últimos debuxos son nomes tan prestixiosos coma Gene Ha, Carlos Ezquerra, Kano, Bach ou Frak Quitely Realmente semella que estes rapaces de Cangas saben moverse para acadar boas mostras.



En canto a debuxantes máis próximos, podíamos atopar traballos (sempre orixinais) do recoñecido autor mallorquín Max, e onda el, debuxos de David López e algo máis aló, os de Javi Rodríguez, coñecido debuxante de "El Víbora". O que realmente supuxo unha sorpresa para nós foi a mostra de novos autores galegos, a maior parte dos cales eran descoñecidos aínda para nós. Daniel Montero, María Vilar, Iago Araújo e Daniel Docampo demonstráronnos unha vez máis que a calidade xeral da nosa banda deseñada está fóra de toda dúbida, mesmo na xeracións máis novas. Agardamos que teñan pronto cadansúa galería aquí.



No fondo do recinto un Lucky Luke xigante enriba do seu inseparable Jolly Jumper vixia os visitantes que, pouco a pouco, van sendo máis. Alguén pousou onda el unhas flores en memoria do seu recentemente falecido debuxante, Morris.



O apartado multimedia está cuberto por tres computadores e dous televisores arredor dos que unha tropa de rapaces e rapazas compite por acadar praza para xogar ou ver filmes de animación. Os postos reservados para as librerías especializadas vanse enchendo tamén dos máis variados volumes, figuriñas e merchandising.



Hai un posto algo estraño no fondo. Non sei, pero xuraría que a especie de faldón que leva ese tío é un kimono de samurai. ¿Que pasa aquí? Non hai problema, son os da asociación Ippón de Vigo, que levan xa tres anos promovendo a cultura xaponesa e o manga na provincia de Pontevedra e reunindo os namorados do País do Sol Nacente e das súas artes.



Na boca dos organizadores


Xusto ó rematarmos de botar a primeira ollada atopo onda a entrada a Norberto Fernández e a Merche Lorenzo, que levan o peso da organización onda Dani Montero. Aínda están a carregar cousas e a ultimar detalles. Norberto senta nunha mesa e axiña se ve rodeado de nenos, e non tan nenos, que tanto lle piden debuxos dos seus heroes (é incrible o predicamento que ten Lara Croft entre as rapazas) como se preocupan de mellorar o seu estilo ou simplemente queren conversar cun entendido no tema que nos reuniu a todos aquí.



Entre un debuxo de Lara Croft e un de Lobezno, acado un sitio ó carón de Norberto e tento indagar un pouco máis sobre este Salón. Cinco anos xa, en Cangas, un sitio un pouco estraño, ¿non? Ó parecer todo xurdíu do Centro de Benestar Social, é dicir, do propio Concello, e desde o comezo conta co equipo que atopei na entrada.



Segundo sinala Norberto, o mérito que está a acadar este Salón é que cada ano medra en número de visitantes e de exposicións e en importancia das actividades sen que aumentase o orzamento. Así, se ata o ano pasado os convidados eran sempre do panorama da banda deseñada peninsular, nesta ocasión deuse o salto ó panorama internacional traendo a Gene Ha, un dos autores máis aclamados en Estados Unidos que actualmente está a traballar co celebérrimo guionista Alan Moore na súa serie "Top Ten".



Unha das peculiaridades da mostra desde o seu comezo foi a mostra de novos valores da banda deseñada galega, que ocupan un posto de referencia onda traballos de autores consagrados de todas as nacionalidades. Tamén na ansia de potenciar o traballo do país, convócase con motivo do salón o Certame de Banda Deseñada do Concello de Cangas, cunha destacada participación (que se triplicou desde o pasado ano) e unha calidade nada desbotable. Como perspectivas de Futuro, Norberto sinala continuar nesta liña. Que o Salón se siga celebrando e que, se pode ser, mellore aínda que non haxa máis cartos.



Cara ás dúas péchase. Fican aínda catro horas e media para voltar, así que aproveito para coñecer a vila e lamentar doutra volta non ter traído bañador. Semella que alleos a un evento tan importante coma o Salón, os bares de preto da praia enchénse de vellos mariñeiros que xogan, relixiosamente, á brisca, ó tute ou ó dominó.



Os secretos da industria e do debuxo


As seis e media. Segue a facer calor. Agora as cousas xa están máis animadas. A cada pouco van aparecendo máis e máis afeccionados (máis ou menos freakies) que ansían escoitar a ó debuxante Javier Rodríguez e a Christian Osuna, da editorial independente española Undercomic. Pero sobre todo, veñen pola estrela do salón, Gene Ha, que ata pasado o mediodía se atopaba de visita nas Illas Cíes. Este si que sabe, seguro el non esqueceu o bañador.



Cando van anunciar a mesa redonda, un home con gafas de arredor de trinta anos, deixa o seu posto de venda, onda as outras librerías especializadas, e achégase ó estrado. É Christian Osuna, directivo de Undercómic, que o primeiro que fai e disculpar a ausencia de Javier Rodríguez, que non puido vir por problemas coas datas de entrega dos seus traballos.



En fin, falto dun dos convidados, Norberto, que é o moderador, apáñase perfectamente. O seu coñecemento do medio nótase e leva a que Christian lle explique moi polo miúdo como ve o mundo editorial. Así, o editor afirma que o formato americano de publicación en comic-book deixou de ser viable ó centrarse a distribución en librerías especializadas e ó diminuir as vendas. Mentres, o formato en tomo ou "prestixio" permite chegar a grandes superficies e librerías non especializadas e sostense cun número menor de vendas por título.



Sobre os proxectos da súa editorial, adiantou a intención de continuar coa Guía do Comic, publicación periódica gratuíta especializada na crítica e análise de banda deseñada. En canto as novidades, pretenden chegar ó vindeiro Viñetas desde o Atlántico co anunciado "Cosecha Roja". Para finais deste ano ou comezos do que vén tirarán do prelo un novo número de "Love Gun", de Javi Rodríguez, e as obras de dous novos autores premiados no certame do INJUVE, ó igual que fixeron coa obra "Ángela y Clara".



Pero iso non é todo. Segundo acadou sonsacar Norberto, estanse a desenvolver intensas negociacións para que Undercómic edite unha serie en formato comic-book baseados nunha exitosa serie televisiva sobre as andanzas duns estudiantes de bacharelato... Fálase de tiradas de vintecinco mil exemplares e de distribución en quioscos, o que suporía a consagración da editorial e un forte empurre para a banda deseñada de todo o estado. Duro, duro.


Chega a estrela

Apenas unha hora despois chega Gene Ha. Un rapaz novo e sorrinte, de aspecto oriental, que semella estar a pasalo ben. Agora si que xa non hai xeito de atopar un asento libre. Todos os asistentes seguen interesados as explicacións do convidado de honra sobre a súa carreira, os seus métodos de traballo e as súas concepcións artísticas. Entre as preguntas a inevitable: ¿Como é traballar con Alan Moore? Ha quítalle ferro ó asunto. Disque o inglés non é tan maniático como din á hora de detallar o que entra en cada cadriño, e que o debuxante tamén ten a súa parte no resultado final. Se el o di...



Remata Ha e marchamos todos para casiña. Ben, todos menos o propio Ha e os acompañantes da organización, que tiveron que aguantar (quen puido) a marcha do americano ata altísimas horas da madrugada. Como se ve que por aló pechan cedo os bares e logo veñen con gañas de marcha...


Just another day in the paradise

A mañá do segundo día comeza igual que o primeiro. Caras xa coñecidas do venres, lembramos a algún que nos envíe uns debuxos, e botamos un novo ollo ás mostras. Cara a unha vemos a un vello coñecido, Henrique Torreiro, disposto a non se perder unha, chega desde Ourense. Remata a mañá e imos comer, algo nerviosos, que á tarde toca a presentación deste soportal.



Así como chego pola tarde atopo a un dos meus próximos contertulios. Kiko Da Silva, disposto tamén a non deixar pasar unha e a presentar o seu "BD Banda". E de alí a nada chegan Miguel Vázquez Freire e Fausto, que aproveitarán para explicar que foi o que pasou con "Golfiño". Tamén vemos ó Kike Benlloch, e algúns máis deses que aínda non nos enviaron material para a galería (a ver se se dan por enterados). Non hai moito tempo para falar. Axiña abren e teño que encargarme de facer funcionar o canón de video, o que non é moi fácil. Mentres pelexo co trebello teñen montado un karaoke manga e escoito, rodeado de todo tipo de cabosversións en galego, español xaponés, de todo tipo de series e películas do País do Sol Nacente (desde Heidi ata Sailor Moon) a cargo dos membros da asociación Ippón e e doutros afeccionados, entre os que se esforzaban especiamente os máis pequenos. Finalmente, e pese a todo, consigo facer funcionar o aparello no último momento. Movemento de mesas e de cadeiras, e ala, a tertuliar.



Falando de nós


A mesa consistiu na presentación de cada unha das nosas iniciativas sobre banda deseñada e demorouse especialmente, como non podería ser menos, na desaparición de Golfiño, que Fausto e Vázquez Freire explicaron máis ou menos como xa nos fixeran a nós. Kiko, pola súa banda, comentou os aspectos máis destacados de "BD Banda", e sinalou a dificultade que supón editar unha publicación sen apoios editoriais nin institucionais. En canto a nós, ¿que dicir? Fixemos un breve repaso disto que tes entre a pantalla e o rato. E rematouse.



Entrega de premios ós gañadores do concurso, placas para os autores convidados (ademais de Gene Ha, tamén Fausto tiña esta categoría) e detalliños para os demais convidados. Despois, o delirio. Os dous autores convidados e Norberto realizan debuxos conmemorativos do Salón e acceden ás peticións dos afeccionados. Gene Ha leva o gato a auga. Con gusto pero sen acougo, debuxa e debuxa aínda un bo par de horas antes de que se peche a porta. Fausto remata un pouco antes, e mentres Norberto remata de recoller as cousas, falamos un cacho sobre como vai todo este mundo da banda e o que se pode facer.



Rematou. Quedamos con moita xente de que nos envíe moitas cousas, de completar datos, de nos dar teléfonos. De volta para casa, voulle dando voltas a algo que rematei de ver claro neste Salón.
Mentres debuxaba para os rapaces no obradoiro de banda deseñada, Norberto queixábase de que os rapaces só lle pedían deseños de personaxes de fóra. "Oxalá algún día me pidan que debuxe os meus propios personaxes", di. Esa é a loita. Nós, polo de pronto queremos algún do "Castelo regadeira" para pór na redacción. Graciñas por adiantado.