Nove concertos para a novena edición de Espazos Sonoros

Entre o 3 de setembro e o 18 de outubro o ciclo percorrerá enclaves patrimoniais de toda Galicia

O festival Espazos Sonoros 2016 celebra do 3 de setembro ao 18 de outubro a súa novena edición cun programa de nove concertos en espazos singulares do patrimonio galego. A música, a arquitectura e a paisaxe volven ser os protagonistas deste ciclo que este ano propón un achegamento a edificacións históricas dos concellos de Vimianzo, de Ribadavia, A Guarda, Pedrafita do Cebreiro, Lalín, Monterrei, Bergondo, Palas de Rei, A Coruña e Baiona a través dunha programación musical que tamén inclúe andainas, visitas guiadas e obradoiros.

Nos espazos patrimoniais, civís e relixiosos escollido se poderán escoitar agrupacións galegas e internacionais de estilos e procedencias diversas, como o Ensemble Gilles Binchois, Le Miroir de Musique, La Xácara, Tres Pesos, Solo Voces con Adrián Regueiro na rolda pola paisaxe dos órganos históricos ou a pianista Paula Ríos, encargada de recuperar a obra para piano de Rosa García Ascot e Xesús Bal y Gay. Ademais o ciclo propón nesta edición un achegamento diferente á música a través do obradoiro ‘Retratos sonoros. O son da pintura’, que convida, o 1 de outubro no pazo de Liñares, en Lalín, a unha viaxe polas artes plásticas para rescatar os sons ocultos nelas, a través da reprodución, con música ao vivo, de escenas de obras pictóricas.Todos os concertos do festival Espazos Sonoros son de balde e a entrada é libre ata completar a capacidade. No caso das actividades, as que contan con prazas limitadas requiren inscrición previa nas datas establecidas, a través do enderezo electrónico actividades@espazossonoros.org