As Xociviga premian a Mariana Carballal e a Eduardo Galán

Os encontros audiovisuais do Carballiño celebraranse entre o 25 e o 30 de xullo

19/7/2016 | Redacción: Santiago. Redacción | Seccións: audiovisual
2 lecturas | Compartido 0 veces

A organización das Xornadas de Cine e Vídeo de Galicia, que inician o vindeiro 25 de xullo a súa nova edición no Carballiño, daba a coñecer onte os premios de honra desta xeira. O xurado destes galardóns acordou recoñecer a Mariana Carballal pola "súa longa traxectoria profesional en teatro, televisión e cine, como actriz, directora e realizadora, que enche abondo as dúas últimas décadas no mundo da creación escénica e audiovisual, tanto en Galicia como fora dela" co Premio de Honra das xornadas. Canda a ela, o crítico e historiador cinematográfico Eduardo Galán Blanco, viu recoñecido o seu compromiso histórico co desenvolvemento do audiovisual galego e as súas achegas ás propias xornadas coa concesión da Insignia de Ouro do evento.
O xurado dos galardóns estaba formado polo alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, polo concelleiro de Cultura, Diego Fernández, por Ángel de la Cruz, guionista e director cinematográfico; Xosé Prada, autor teatral e actor e director do grupo Tiruleque; Miguel Anxo Fernández, escritor e crítico cinematográfico, e Carlos Rodríguez, periodista.

As xornadas, que se desenvolverán entre o 25 e o 30 de xullo inclúen a proxección do histórico filme Miss Ledyia, sesións de cinema ao aire libre, obradoiros audiovisuais ou un concerto de bandas sonoras entre outras actividades.

Universo culturagalega.gal

20/08/2014

Unha vila como fondo

As Xornadas de Cine e Vigo de Galicia cumpren 30 anos no Carballiño

Contextos

Claves

Protagonistas
Entidades
Lugares