A revista BD Banda saca o seu segundo número este nadal.

Medrar co outono

A revista BD Banda saca o seu segundo número este nadal con moitos máis autores, máis páxinas, en un tarxeta de agasallo de Miguelanxo Prado.

Con exactitude case matemática, e sorprendendo a bastantes afeccionados, "BD Banda" cumpre os prazos previstos e lanza o seu segundo número este mes de decembro, apenas quince días por riba dos seis meses que tiña como periodicidade prevista. E por se fose pouco o sacar un novo número da publicación, confírmase a realización das Xornadas BD Banda en Pontevedra e anúnciase un concurso convocado por esta mesma revista.


Todo é mellorar

O segundo número de "BD Banda" vén cargado de melloras, segundo recoñece o coordinador da revista Kiko da Silva. En primeiro lugar, veranse melloras na maquetación e da impresión, dous dos aspectos máis criticados do primeiro número.
Unha impresionante portada a cor e un orixinal formato de encadernación espiralada, onda un coidado deseño gráfico fan que publicación destaque polo seu aspecto.
Estas melloras débense ó apoio prestado nestes labores polo estudio gráfico "O Clube da Esquina", no que participan algúns dos antigos membros de "Frente Comixario", é dicir, a xente con máis experiencia en editar banda deseñada de toda Galicia.
En canto ós contidos, Kiko promete que neste número todas as historias son inéditas, repetíndose colaboracións tan destacadas coma as de Raúl, que realiza unha historia específica para este número ou Miguel Calatayud, que ilustrará un conto.
Ademais, haberá historias de David Rubín, Jano, Miguel Porto, os debutantes Carrasco e Mariví de Lugo, Santi Gutiérrez, Fernando Ruibal, Kike Benlloch con Bernal, Javi Montes, Pinto&Chinto, o propio Kiko da Silva, a historia que Meixide preparara para o segundo número de "Elipse", a continuación de "Os cabezóns" de Miguel Anxo Robledo e o peche da reportaxe iniciada no pasado número. Todo acompañado dunha postal de agasallo realizada por Miguelanxo Prado. En total, algo máis de noventa páxinas das que trinta serán a cor, o que supón un aumento de paxinación. A calidade págase, e iso provocou que o prezo final deste número sexa de mil cincocentas pesetas, o que supón unha suba con respecto ó primeiro.


A nivel de participación, Kiko sinalou que recibira para este número nada menos que cento vinte colaboracións de diferentes autores galegos, o que supón todo un apoio á continuidade da publicación. A presentación da revista realizouse o once de setembro no marco das Xornadas de Literatura Infantil e Xuvenil que se celebran en Pontevedra, e unha segunda presentación no marco das Xornadas BD Banda. Neste segundo acto farase unha análise polo miúdo do proxecto BD Banda e o rumbo que pode levar.



A cociña económica


Todo isto é posible gracias á colaboración do Concello de Pontevedra, que outorgou unha subvención que permite cubrir os gastos do segundo número sen que os afeccionados que botaron a andar a iniciativa teñan que arriscar máis cartos cando aínda non recuparon o seu investimento.



De calquera xeito, non todo foron facilidades para chegar ata acó. Ó non conceder a Xunta a subvención para o primeiro número, a continuidade da revista viuse en perigo, e o feito de que o Concello de Pontevedra só aporte os cartos para a publicación se está en galego fai que o proxecto de sacar unha edición en castelán de "Bd Banda" fique aparcado ata que a revista acade consolidarse no país.



De calquera xeito, as espectativas son boas. Segundo sinala Kiko da Silva, se o Concello continúa aportando o seu apoio, o seguinte número da revista sairá en maio seguindo o prazo previsto e iniciará un periodo de profesionalización no que os colaboradores poidan cobrar, aínda que sexa minimamente polo seu traballo. No caso de que se retirase o apoio público, a revista vería comprometida a súa periodicidade, pero sacaría cando menos un número máis coas historias que ten en reserva e cos fondos obtidos das vendas. Actualmente restan por vender arredor de cen exemplares do primeiro número da revista.


Para asegurar unha base legal e poder optar a futuras subvencións, o grupo de afeccionados de Pontevedra que puxo en marcha a iniciativa vén de constituirse como asociación. O nome, como non podía ser menos, é BD Banda.