Terreos para crear

Monforte e Mondoñedo participan na posta en marcha na Rede de Cidades e Territorios Creativos de España

Monforte e Mondoñedo participan na posta en marcha na Rede de Cidades e Territorios Creativos de España
Montaxe a partir de fotografía de Monforte de Lemos. Fonte: Wikipedia
Unha Rede estatal que procura potenciar a innovación creativa e a cultura como ámbitos transversais no desenvolvemento de cidades e territorio. Esta é a proposta de España Creativa, que se presenta este dous de xullo en Monforte e que conta coa participación desta vila, de Mondoñedo, da Xunta e da Deputación de Lugo. O foro no que verá a luz esta entidade supón ademais o único acto do programa do IV Centenario da morte de Cervantes en Galicia.

O vindeiro dous de xullo unha convención en Monforte acollerá a fundación de España Creativa, a Rede de Cidades e Territorios Creativos de España. Esta iniciativa, que busca promover as industrias culturais e a innovación na cultura, a arte, o turismo e os deportes, conta coa vila do Cabe, Mondoñedo, a Deputación de Lugo e mais a Xunta como representación galega. O proxecto comezou a se fraguar en 2012 desde o Master en Economía Creativa da Universidade Rey Juan Carlos de Madrid, que dirixe a galega Belén Elisa Díaz. Segundo explica, o proxecto "ten os seus fundamentos en crear estratexias de colaboración entre distintas cidades e territorios para axudar a mellorar a xestión da diversidade cultural de España e a súa cohesión social. Ao tempo, búscase potenciar a creatividade e a innovación como recursos estratéxicos que afectan á vantaxe competitiva das cidades e dos territorios". Canda ás propostas galegas, o novo proxecto conta coa Xunta de Castela e León, o Cabido de Tenerife, a Deputación de Valladolid e os concellos de Alcalá, Cidade Real, Madrid, Málaga, Palencia, Santander, San Sebastián, Arnuero (Cantabria) e Jun (Granada) aos que se agarda que se unan novos territorios en breve.

Proposta pioneira
A rede supón, segundo asegura Belén Elisa Díaz "un caso único no mundo. Será a primeira Rede de Cidades e Territorios Creativos a nivel nacional. Existe outra internacional que promove a propia Unesco, pero ten unha estratexia diferente que se complementa moi ben con esta iniciativa". Esa Rede Internacional de Cidades Creativas conta 116 membros, entre eles as localidades peninsulares de Barcelona, Granada e Óbidos, como especializadas en literatura, Bilbao, co deseño como punto forte, Burgos e Denia a enarborar a gastronomía, mentres Sevilla e Idanha-a-Nova destacan pola música. O proxecto, nado en 2004 pretende promover a diversidade cultural e "fomentar o aproveitamento do potencial creativo, social e económico das colectividades locais", segundo explica no seu web. Como campos creativos, a rede recolle a artesanía e as artes populares, as artes dixitais, o deseño, o cinema a gastronomía e a música. Os participantes comprométense a desenvolver alianzas e compartir os seus coñecementos no ámbito no que destacan, se converter en centros de excelencia creativa que colaboren con outras cidades, reforzar a participación na vida cultural e integrar a cultura nos seus plans de desenvolvemento económico e social. Segundo explica Díaz, esta rede internacional "céntrase fundamentalmente nas industrias culturais e creativas", pola contra, a entidade que agora se presenta "emprega un modelo complementario que se poderá exportar a outros países que é de abaixo arriba. A Unesco establece un sistema que vai de arriba a abaixo: a partir dunha estratexia planificada as cidades intégranse especializadas en ámbitos como a literatura, a música ou a gastronomía. No noso caso promovemos unha rede de proxectos de innovación e creatividade. Son as propias cidades as que deben concibir a súa propia idea de cidade, e esa é a clave".

Xeitos de entender a creatividade
Deste xeito "España Creativa pretende ser un territorio de transformación que se apoie na creatividade e na innovación dos territorios. Queremos que sexan parte da súa propia reinvención e que ao tempo traballen a cultura como un sector transversal que xera valor a toda a economía. Cremos que non debe ficar vencellada unicamente ao sector das industrias culturais, e que deste xeito afecta a todos os grupos de interese dun territorio, non só o ámbito público, senón tamén o privado e mais a sociedade civil. Para nós unha cidade é un espectro de proxectos e non está especializada. É como un director de cinema que cada ano fai un filme diferente. É a suma deses filmes o que determina unha traxectoria que o define". Esta perspectiva e o proxecto estatal contan tamén co apoio da UNESCO. Outra peculiaridade deste proxecto é o feito de ter un especial interese nos concellos pequenos. "Case todas as redes que existen hoxe están dirixidas a concellos de máis de 50.000 habitantes. Nós cremos que tamén os máis pequenos poden ser moi creativos. Só hai 145 concellos no Estado que superen esta poboación, e pensamos que nas pequenas cidades e no mundo rural hai moitas oportunidades de emprego que están a ficar atrás".

Pasos para a rede
Como primeiros pasos ata dar na creación da entidade, o proxecto comezou a se concretar a base da organización dos Foros Cidades e Territorios Creativos de España, nos cales se tenta "recoller iniciativas e proxectos". O primeiro destes desenvolveuse naquel mesmo 2012 en Barcelona coa participación deste concello, o de Madrid, San Sebastián, Málaga, Valladolid e Santander. Desde aquela, celebráronse diferentes edicións do encontro que se dirixe a todo tipo de territorios xuridicamente constituídos que estean interesados en lanzar os seus proxectos de innovación "nun sentido multidisciplinar. Innovación e creatividade económica e tecnolóxica, cultural e artística e innovación social e territorial", segundo explica a directora do Máster. Desde entón, o encontro pasou por Santander (2013), Gran Canaria, e agora en 2016 será Málaga a cidade que acolla en outubro a vindeira edición. "En 2015 non puidemos organizalo porque os propios gobernos das cidades estaban a se constituír logo das eleccións locais, e pensamos que para este ano había que propor un duplo evento, co foro e a constitución da Rede".

Conexión Monforte
A particularidade de que este ambicioso proxecto tome forma oficial en Monforte explícase porque "independentemente de ser a miña cidade natal e de eu querer levar alí o proxecto, pareceume axeitado vinculala ao proxecto a aproveitar a conexión co IV Centenario da morte de Cervantes. Pensamos que a sinatura da Rede merecía ligarse a unha traxectoria histórica única en España como é a de Cervantes, un grande escritor universal que fala de valores modernos. O feito de que os últimos versos de Cervantes e a segunda parte do Quixote estean dedicados ao sétimo conde de Lemos amosan a ligazón do autor coa cidade a través do seu mecenas. E isto pareceunos un exemplo destes recursos intanxibles que se poden atopar vencellados ao territorio, que en ocasións están esquecidos e que poden se empregar para dinamizar un lugar", lembra Belén Elisa Díaz. Deste xeito, a convención na que se fundará a Rede supón tamén, ata o momento, o único evento da celebración do cuarto centenario da morte de Cervantes en Galicia.

Exemplos
Como un exemplo do tipo de proxectos que se poden promover desde as
entidades que fan parte da Rede, a propia Díaz sinala que "para Monforte temos un proxecto moi interesante que polo momento é como un deses soños de Cervantes. Cremos que Monforte podería ser o centro dunha comunidade de artistas internacionais. Hai importantes axudas no marco do programa Europa Creativa para xerar este tipo de residencias e comunidades de creadores. E pensamos que pola súa traxectoria a vila podería albergar, por exemplo, nos Escolapios. Tamén se podería xerar un clúster creativo de intelectuais na Ribeira Sacra, onde hai unha paisaxe natural moi inspiradora e á que se lle podería engadir este elemento cultural intanxible que ten xa desde tempo dos romanos. Se un territorio se converte en atractivo é moi posible que poida obter investimentos económicos importantes. Isto está demostrado. En Estados Unidos crearon o Índice de Vitalidade dun territorio e aquí, desde a Universidade, estamos a desenvolver un Índice Creativo que quere abordar o xeito no que a parte emocional das cidade pode atraer e reter talento e inversións económicas. E a Terra de Lemos, tanto desde a súa capital como a través dos Concellos da Ribeira Sacra ten por diante un proxecto fantástico. E a declaración do Patrimonio da Humanidade debe servir para revitalizar esta zona".

Primeiros pasos
Logo da constitución, o primeiro ano da rede pretende continuar a recibir candidaturas e estará centrado na elección da directiva desta rede e na organización do propio goberno da entidade. A seguir, a ampliación a novas cidades e o lanzamento de proxectos de colaboración son os obxectivos prioritarios. "Tenerife, por exemplo, xa propuxo un laboratorio para xerar proxectos colaborativos no ámbito das industrias creativas". Desde o Máster porase en marcha tamén o Índice de Creatividade, que segundo Díaz "axudará a reposicionar as pequenas cidades e mais o mundo rural ante as grandes".

O encontro
Para alén da propia constitución da Rede a convención que se vai celebrar en Monforte entre os días 1 e 3 de xullo conta cun programa no que se abordarán cuestións como a problemática actual sobre o mecenado a nivel estatal. A innovación nas cidades, a cultura ou o turismo son outros dos eixes do encontro, que contará coa presenza de creadores como a escritora Espido Freire ou o deseñador Modesto Lomba. A iniciativa inclúe tamén visitas á Ribeira Sacra e pretende contar coa participación da comunidade local. "A Asociación de Comerciantes puxo en marcha unha exposición e un concurso creativo de escaparates. O consello Regulador do Ribeiro, tamén en colaboración cos comerciantes, artellou tamén unha mostra de produtos típicos para os participantes", explica Díaz. O propio evento é, aos seus ollos, unha mostra do que pode achegar este novo organismo. "Xorde da colaboración entre tres administracións, e supón un exemplo de cómo a rede pode promover estratexias de diálogo entre estas. Pensamos que non se poden facer propostas de reinvención, mesmo da propia administración, se non existe un diálogo de encontro entre os distintos ámbitos da mesma. Sen esas colaboracións dificilmente se pode redebuxar ou repensar España".