O proxecto Polaqia segue adiante sumando recoñecementos e emprendendo novas iniciativas editoriais.

A invasión da Polaqia

O proxecto Polaqia segue adiante a bo ritmo. Logo da súa presentación nas Xornadas de Ourense, os rapaces da Coruña continúan a colleitar éxitos e recoñecemento por onde queira que van e a acumular proxectos realmente prometedores.

Un membro máis, moitos premios


Como xa comentamos na nosa crónica sobre as Xornadas de Ourense, estes encontros serviron para que un novo debuxante se unise ó colectivo, Diego Blanco, gañador do segundo premio Xuventude 2001 de BD na categoría B (de dezanove a vintedous anos).
Dase a circunstancia de que con esta incorporación, os membros de Polaqia coparon os premios nesta categoría, acadando Bernal o primeiro, Alberto Vázquez o terceiro e Jano o cuarto. Por se fose pouco, o ourensán David Rubín, tamén parte do colectivo fíxose co cuarto premio na categoría de maiores de 23 anos, co que a colleita foi completa.
Os premios non están faltando para estes rapaces. Se Alberto Vázquez vén de facerse recentemente co premio ó mellor apartado plástico no concurso de cómic de Alicante, o mesmo no que Jano acadou o premio ó mellor guión.



Para non perderse, a día de hoxe a composición e Polaquia é: Kike Benlloch, Bernal Prieto, Jano Viñuela, David Rubín, Alberto Vázquez, Adrián López, e Diego Blanco. Apadriñados por Fernando Iglesias, autor da portada de "Mmmh!!"




E moitos proxectos



A actividade do colectivo segue incesante. Xa coñecíamos o proxecto dunha novela gráfica realizada por Kike Benlloch, Adrián López, Bernal e Jano, ambientada na fronteira entre México e Estados Unidos (ver entrevista a Kike Benlloch). A isto hai que engadir un novo álbum temático con historias de todos os compoñentes do colectivo no estilo de "Mmmh!!". E as dúas cousas para as vindeiras "Viñetas desde o Atlántico" como moi tarde.


Por se fose pouco, imos sabendo de máis ideas que van tomando forma. Kike Benlloch e David Rubín están a traballar noutra novela gráfica que, segundo sinalan os autores, vai a moi bo ritmo e conta xa con varias páxinas debuxadas. E outra novela máis guionizada de novo por Benlloch e debuxada por Alberto Vázquez.


O dúo Benlloch-Jano xa presentou hai pouco en Bravú.net a súa crónica do verán, "Polaroids", e semella que continuarán realizando traballos no mesmo estilo. Ademais, Benlloch aparecerá en Bravú por partida dupla: está a piques de saír nese portal unha serie realizada con Javi Montes.


E aínda máis: Dúas historias de Benlloch e Bernal para futuros números de "BD Banda", as tituladas "Espiña" e "Demasiado Corazón", e outra realizada David Rubín que tamén veremos na publicación que coordina Kiko da Silva.
Internet non queda fóra da frenética actividade deste grupo. A rede coñecerá na vindeira primavera unha nova versión da web deste colectivo que xa actualmente amosa constantes actualizacións, e en breve poderase adquirir na web mundofreak.com merchandising, o que convirte a Polaqia en pioneiros neste eido dentro da BD galega.



Despois de semellante bombardeo, só nos queda desexarlles boa sorte con todos os proxectos e agardar quen sabe que sorpresas que nos poden ter preparadas estes rapaces.