Celebráronse entre o 5 e o 13 de outubro as XIII Xornadas de BD de Ourense.

Ourense XIII

A XIII Xornadas de Banda Deseñada celebráronse en Ourense entre o cinco e o trece deste mes. Unha edición marcada polo premio ao Consello da Cultura Galega gracias ao Soportal Banda Deseñada, como mellor iniciativa do ano a prol da BD galega.

Unha boa cantidade de exposicións, coloquios moi animados, fanzines de todo o mundo, películas, o mercadiño e, sobre todo, a afección e os autores galegos dándolle animación ó encontro. Contámosche aquí como vimos as XIII Xornadas de Banda Deseñada que se celebraron en Ourense entre o cinco e o trece deste mes.




Inauguración total



Chegamos alá e a primeira impresión non podía ser mellor. A xente abarrotaba a sala onde se ían entregar os premios do Certame Xuventude 2001 de Banda Deseñada e os premios Ourense. Só en canto autoridades, o acto estaba ben completo: O director da Casa da Xuventude Benito, o Alcalde, Manuel Cabeza, o presidente da Deputación de Ourense, José Luis Baltar, a Conselleira de Familia, Manuela López Besteiro e, en representación do Consello da Cultura Galega, Carlos Casares, que ía recoller o premio á mellor iniciativa do ano a prol da banda deseñada.



En canto ó público e á presencia de medios, a sala encheuse ata case rebosar, e houbo que agardar á tarde a inauguración para poder pasear con algo de calma e ver as mostras. Todos os persoeiros presentes falaron da importancia da banda deseñada como parte da cultura dun país e da grande calidade que, a respecto da novena arte, temos en Galicia, resaltando o labor da Casa da Xuventude de Ourense que leva xa máis dunha década apoiando o medio coa realización destas xornadas.




A mala sorte pasou...



A pesar do desafío á mala sorte que supuñan estas xornadas, que xogaron co significado do número XIII e con todo un mundo de supersticións tanto no cartel coma no Fanzine das Xornadas coma na homenaxe a "Rúe del Percebe, 13", a mala sorte fixo a súa aparición antes de comezar.
Así, a visita e a mostra do coñecido autor belga William Vance, debuxante da coñecida serie "XIII", víronse suspendidas por causa dos problemas de saúde que tivo o autor a última hora. E realmente foi unha pena, xa que a exposición incluiría orixinais e historias ambientadas en Galicia, coma o álbum "Tonnerre sur la Galice", da serie "Ramiro".
Tamén fallou a estrea da película de Bill Plympton "I Married a Strange Person" por problemas coa distribuidora cinematográfica.




...Pero non puido coas xornadas



Pero a pesar destas ausencias, o programa non tiña ocos. Exposicións coma os dos orixinais gañadores do certame Xuventude 2001, as dos portugués José Carlos Fernandes e Ricardo Ferrand, a do arxentino Dario Adanti, os orixinais do grupo La Penya e de Polaqia, BD Banda, Golfiño, as bandas deseñadas didácticas do Consello da Cultura ou a estupenda homenaxe que varios creadores galegos tributaron a "Rúe del Percebe, 13", deixaron ben alto o pabillón da calidade e da variedade.



As mostras nesta edición distribuíronse entre o edificio da Casa da Xuventude e o Museo de Ourense, diminuíndo así o número de espacios a visitar con respecto a anteriores edicións. Como é habitual neste tipo de encontros, os maiores eloxios ían para as exposicións de orixinais, que nos permitiron ver, especialmente na mostra dos premiados no certame Xuventude 2001 ou na de José Carlos Fernándes, a pericia técnica dos autores.



Por se fose pouco, e se nos doese o pescozo de ollar cara os orixinais nas paredes, a mostra de fanzines non tiña desperdicio. As linguas máis próximas e as máis descoñecidas mesturábanse nos formatos máis surrealistas (vimos alí unha publicación cunha sola de zapato pegada á portada, e outra que estaba feita nun vello caderno escolar usado, entre outras curiosidades). E todos se podían abrir e ler. Publicacións xa consolidadas desde a autoedición xunta a tímidos intentos en fotocopias amosaban as últimas tendencias da banda deseñada fóra das editoriais.




Maratón de presentacións



E en canto a actos, a mañá do sábado foi unha maratón de presentacións. Comezando cos membros de La Penya, que nos explicaron o delirante proceso de creación (nos últimos asentos das clases de Belas Artes en Barcelona) e de realización (tres días seguidos sen durmir, pechados nun piso debuxando sen parar) do celebérrimo fanzine "Mondo Lirondo".
Logo, coñecemos un pouco do traballo de Darío Adanti, un autor arxentino que se vai abrindo camiño no panorama internacional, e de José Carlos Fernandes, un excelente autor portugués que atopa problemas para publicar no seu propio país pola falta, ó igual que en Galicia, dunha industria da banda deseñada.



Xa desde máis perto, o equipo da Polaqia falounos do seu traballo en "Mmmh!!" e dos seus futuros proxectos, que son moitos e moi interesantes. Polo pronto, anuncian unha novela gráfica e outro volume de traballos curtos para o vindeiro "Viñetas desde o Atlántico".



Os asistentes tamén puideron coñecer a existencia deste soportal, unha iniciativa que despertou un vivo interese entre algúns dos nosos visitantes foráneos e que foi repetidamente apraudida, o que non deixamos de agradecer.




As xornadas e os creadores



Aínda que despois do intenso fin de semana inicial, as actividades baixaron o ritmo, a semana continuou coa proxección dos filme "A princesa Mononoke" e "Marco Antonio Rescate en Hong Kong", ademais de celebrarse o mercadiño de bandas deseñadas no primeiro andar da Casa da Xuventude.



Cara ó final da semana visitou Ourense o portugués Ricardo Ferrand, autor de "A verdadeira história de Jota Cristo" que expuña nas Casa da Xuventude, co que a presencia internacional nas xornadas viuse reforzada.



Un dos aspecto máis destacados desta edición, ó igual que en anteriores, foi o contacto que durante varios días mantiveron os autores de banda deseñada galega. Un contacto que permitiu que coñecésemos novos proxectos, coma as bandas deseñadas de peto que están a desenvolver Diego Blanco e José Mel e que teñen a súa versión na rede na web Novenoarte.



Tamén coñecimos alá a incorporación de Diego Blanco, gañador do segundo premio do certame Xuventude na categoría de entre dezanove e vintedous anos, ó colectivo Polaqia. Con esta incorporación dase a circuntancia de que esta categoría estivo copada por autores do colectivo ó que hai que engadir un cuarto premio para David Rubín na categoría de maiores de vintetrés anos.



E unha nota histórica. Coincidindo coas xornadas, celebrouse unha cea de reencontro de numerosos membros do extinto colectivo "Frente Comixario", na que se comentaron varias iniciativas para recuperar a memoria do famoso grupo.




Para o ano máis



As xornadas supuxeron en resumo un novo éxito para a banda deseñada galega, con novos contactos entre os autores e unha calidade que se confirma a cada edición.



Así e todo, desde a organización detectouse unha menor asistencia ás sesións de cine que en anos anteriores, sen que polo de agora se realizasen estimacións sobre o número total de visitantes.



Queda aínda un ano para ver que nos depara a vindeira edición, pero non cabe dúbida que xa todos os afeccionados a agardan coma unha cita ineludible. Como dixo Kike Benlloch na presentación "Mmmmh!!": "Viñetas desde o Atlántico é o espectáculo, pero Ourense é o traballo. Aquí é onde nos atopamos todos".