Novas publicacións e actividades lembran a Manuel María

A RAG celebrará en Outeiro de Rei o seu pleno do Día das Letras

| Santiago. Redacción | Seccións: Literatura
Compartir:
Novas publicacións e actividades lembran a Manuel María

Continúan as homenaxes a Manuel María a coincidir co Día das Letras Galegas que se lle dedica ao poeta. Deste xeito a Real Academia Galega anunciou que a casa-museo do escritor, situada en Outeiro de Rei, acollerá a sesión extraordinaria aberta ao público coa que esta entidade quere homenaxear o poeta o propio día 17. No acto, que comezará ás 12:30 horas, os académicos Manuel Rivas, Margarita Ledo e Darío Xohán Cabana repasarán a traxectoria vital e artística do homenaxeado.

Pola súa banda a área de Cultura da Deputación da Coruña presentaba onte o seu programa de actividades arredor da figura do poeta. Unha curtametraxe de videopoesía, dirixida por Juan Lesta e Belén Montero, unha lectura colectiva do poema colectivo Galicia, co que se artellará outra peza audiovisual, un obradoiro de poesía e ilustración ou un photocall itinerante son as propostas desta entidade.

Finalmente, da man de Xerais acaba de ver a luz Manuel María. Buscando un país. Este libro de Manuel Veiga achega unha interpretación sintética da vida e obra do autor acompañada das ilustracións de Víctor Tizón. Urco editora, pola súa banda, aproveitou a efeméride para reeditar Do A ao Z con Manuel María un libro de poemas co que Xosé Lois García homenaxea o poeta chairego e que fora publicado hai uns anos por Everest.

Que che parece esta nova?
57 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Manuel María, Darío Xohán Cabana, Manuel Rivas, Día das Letras Galegas...