Era unha publicación coordinada por dous rapaces de instituto, mais no seu día contou con colaboracións tan destacadas como as de Luís Pimentel, Álvaro Cunqueiro ou Aquilino Iglesia Alvariño. O Centro Ramón Piñeiro presentaba o pasado venres a edición facsimilar da revista Xistral que vía a luz en 1949 da man de Manuel María, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas deste 2016 e mais de Manuel Antonio Sopena Somoza. No proxecto, que durou dous números, o poeta publicou os seus primeiros versos. Segundo destacou o secretario xeral de Política Lingüística na presentación deste traballo "coa distancia que proporciona o tempo, Xistral foi unha aventura literaria que simbolizou tamén a continuidade dunha lingua e dunha cultura" e supón "un referente na loita a prol da cultura galega que ten gañado un lugar de honra na nosa historia.