Pepe Carreiro publica un álbum e elabora unha nova revista infantil.

Pepe Carreiro lanza A retirada de Sir John Moore e Bule Bule

Pepe Carreiro publica un álbum de BD e elabora unha nova revista infantil.

Sir John Moore


Por unha banda Xerais cumpre o que prometera no peche de "Golfiño" e publica para o vintesete de maio "A retirada de Sir John Moore". Este álbum narra de xeito cómico e cun estilo de debuxo na liña clara francobelga a invasión francesa de Galicia en 1808 e as peripecias dun grupo de paisanos tentando sobrevivir no medio da guerra.

A edición, dunhas corenta e oito páxinas e tapa dura, recolle a primeira parte da historia, dezaseis páxinas que xa viran a luz como coleccionable nas páxinas de "Gofliño", e completa as peripecias dos galegos na batalla de Elviña.
O autor sinala que "A retirada de Sir John Moore" é o primeiro dunha serie de tres álbumes ambientados na mesma época. O segundo narraría a reconquista de Vigo ós franceses e o terceriro a batalla de Pontesampaio, todo no mesmo ton humorístico da parte xa editada.
O álbum inclúe na súa portada un antetítulo que o sitúa na hipotética serie "Galicia nas guerras napoleónicas", aínda que o autor recoñece que a continuidade dependerá de como funcione esta obra.De calquera xeito, Carreiro manifesta a súa intención de rematala e desde a editorial sinálase que, de facelo, Xerais "apostaría por ela". Esta editora ten os dereitos para posibles traduccións da obra que polo de agora non están previstas. A tiraxe final será de dous mil exemplares que se poderán mercar a 11'30 euros cada un.



Bule Bule

Pepe Carreiro é tamén o encargado do deseño, historias de BD e grande parte das ilustracións que se poderán ver na revista infantil "Bule Bule" que editará mensualmente "A Nosa Terra" a partir do vindeiro oito de maio.

A portada desta revista estará ocupada polas aventuras de Noa e Nelson, intrépidos xornalistas que en cada número investigarán un tema de interese para os máis novos como poden ser os problemas ambientais ou cuestións científicas, que se desenvolverán no interior mediante reportaxes. Tamén na portada se inclúe unha tira "Pizzas Pepperone" amosarán as peripecias dunha pizzería. Pepe Carreiro tamén realizará ilustracións para a sección de maxia, e publicará algúns dos seus traballos da serie "Os bolechas".
A tiraxe será de quince mil exemplares que se poderán adquirir a un euro cada un.