O Instituto de Ensino Secundario de Touro, presente no Salón de Cómic de Barcelona.

Touro en Barcelona

O Instituto de Ensino Secundario de Touro, presente no Salón de Cómic de Barcelona.

Unha das sorpresas do Saló de Barcelona de 2002 no que á presencia galega se refire foi o feito de que un dos módulos que compuñan o stand de fanzines estivese ocupado por dous alumnos e un profesor do Instituto de Ensino Secundario de Touro. Os nosos paisanos presentaban "Tourolandia. Comics from Touro City", unha revista que publica historias realizadas polos alumnos de 3º e 4º da ESO do centro durante as clases de Plástica. Mariano Casas, profesor desta materia no centro inclúe a realización de BD dentro do seu programa, os alumnos fan cadanseu cómic na clase e despois escóllense os mellores para publicar na revista. En febreiro do 2002 saíu o segundo número, no que colaboran varias empresas locais inserindo publicidade. A Asociación de Pais de Alumnos sufragou o custo do alugueiro dun módulo dentro da macrocaseta destinada a fanzines na Estació de França, onde se venderon exemplares da revista coa intención de sufragar a excursión de fin de estudios dos alumnos. A revista ten sesenta páxinas grampadas e está feita en imprenta, con portada a cor e interior e branco e negro e un prezo de portada de dous euros. Un xeito orixinal de acadar cartos con este fin e difundir a BD. A ver se cunde o exemplo.