Miguelanxo Prado fala da próxima edición de "Viñetas desde o Atlántico".

Prado adianta

Miguelanxo Prado fala de todos os cambios que se producirán na próxima edición de "Viñetas desde o Atlántico" e dos seus próximos proxectos persoais.

No Saló do Cómic de Barcelona, Miguelanxo Prado adiantounos algunhas das claves da edición vindeira de Viñetas desde o Atlántico que se celebrará a 4ª semana de agosto, entre o luns 19 e o domingo 25. Prado explicou que "o 2002 e 2003 serán dúas edicións de transición debido á desaparición da Estación Marítima", o recinto no que se celebraron as exposicións nos catro primeiros "Viñetas" (entre 1998 e 2001). Recoñeceu que mesmo se barallou a posibilidade de tomar "un ano sabático" non celebrándose este ano 2002, unha opción finalmente descartada.



O director do festival herculino asegurou que este ano só se convidarán autores españois. "Será un ano de celebración da historieta española", especialmente das tres últimas décadas, aínda que en total o número de convidados será inferior ó dos anos anteriores por causa da mudanza de locais para as exposicións. A organización convidará un autor por editora aproximadamente, aínda que os orixinais expostos corresponderán a máis autores que os presentes. Os espacios para o visionado dos orixinais por parte do público serán as dependencias especialmente habilitadas no Pazo Municipal na praza de María Pita, na rúa Durán Loriga, e no edificio do Kiosko Alfonso nos xardíns de Méndez Núñez. "Houbo bastantes dificultades", conta Prado, "para lograr este último", debido ás exposicións preprogramadas con anterioridade a Viñetas desde o Atlántico, pero ó final amañouse". As charlas dos autores convidados terán lugar na sala de prensa existente no 3º andar do Kiosko Alfonso.



Unha praza para a BD

Noutra orde de cousas, confirmouse que a "Praza do Tebeo" da Coruña -sita a carón da estación de autobuses- só contará con figuras do cómic español. O motivo desta limitación radica na cantidade de diñeiro que piden polas reproduccións de Tintín, Astérix e outros personaxes, as compañías que xestionan os correspondentes dereitos de imaxe. Miguelanxo Prado -encargado do deseño do espacio- está convencido de que, de poder negociar directamente cos creadores dos personaxes, "isto non pasaría". O autor coruñés entregará o deseño ó Concello o vindeiro mes de xuño.



O Sandman de Miguelanxo

Nun aspecto máis persoal, Prado recoñeceu que a obra na que está traballando co guionista inglés Neil Gaiman leva retraso sobre o previsto, por mor do feito de Prado aínda ter recibido o roteiro da historia a primeiros de maio. "Agora a DC [editora do proxecto] entroulle algo de présa, pero eu supoño que o cómic sairá nos EEUU para outubro".



Por outra banda, a organización dos Cursos do Verán do Escorial informaba o luns 13 de maio dunha convocatoria a celebrar entre o 19 e o 23 de agosto, titulada "El cómic: creación, lenguaje e industria". Incluirá charlas co propio Miguelanxo Prado, ademáis de outros coñecidos autores como Fernando de Felipe, Pacheco, Alejandro Jodorowsky e Dave Gibbons, e tamén ó crítico e historiador Antonio Martín.