O Saló del Còmic de Barcelona celebrou este maio de 2002 a súa vixésima edición, protagonizada pola presencia en persoa do norteamericano Art Spiegelman. A súa maxistral obra "Maus" valéralle a primeiros dos 90 un premio pulitzer e este ano recibiu no salón de Barcelona o premio á mellor obra do ano.
Foron varios os libreiros, editores e expertos consultados por Culturagalega.org que coincidiron na sensación de que esta edición do evento se caracterizou por unha certa superación da tan manida "crise do cómic" e unha tímida recuperación do sector.
Exposicións
A exposición de orixinais de Spiderman, que se supuña era a central do evento, non tivo en contido a espectacularidade da carpa e decorado na que se hospedou. As exposicións completábanse coa correspondente á serie "Blacksad" e mais a do INJUVE. Nesta última incluíanse as páxinas do coruñés Alberto Vázquez coas que gañou o 3º premio na convocatoria de 2001. Probablemente a mellor serie de orixinais encontrábase curiosamente fóra da Estació de França (recinto principal do festival). Tratábase dunha exposición ubicada no Palau de la Virreina, unha retrospectiva explicitamente titulada "Nazario. Barcelona 1972-2002".
Representación galega
No tocante á presencia de autores galegos, esta compúxose de Miguelanxo Prado, Das Pastoras, Alberto Vázquez e Kike Benlloch. Prado adiantounos moitas novidades relacionadas co Salón da Coruña.
Unha das grandes noticias para Galicia foi a confirmación de que "Frëda", a novela gráfica escrita por Kike Benlloch e debuxada por Alberto Vázquez, será publicada pola firma valenciana Edicions de Ponent. Pola súa banda Julio Martínez, "Das Pastoras", concedeunos unha interesantísima entrevista que abrangue toda a súa carreira.
A contribución desde Galicia completábase coa representación do insitituto de Touro, que presentaban o cómic Tourolandia, obra de alumnos do centro.
Prado
Miguelanxo Prado participou xunto con Josep Mª Beroy, Emilio Bernárdez, e Antoni Guiral nunha mesa redonda titulada "xeración Zero, homenaxe a Ricard Castells", na que se falou da publicación barcelonesa nacida en 1981 e do autor de "Poco", recentemente falecido. En Zero colaboraron á parte do propio Castells, tanto Prado -que daquela xa traballaba para Toutain- como Das Pastoras. Prado lembrou que coñeceu á xente de Zero no primeiro Salón do cómic de Barcelona: "Alí na cafetería había un grupo de rapazotes ocupando moitas mesas e consumindo pouco, cun lote de carpetas e moita paixón pola BD". A aquel grupo recórdao "máis como núcleo 'familiar' que como unha escola de profesionais" e recoñeceu que el foi para Barcelona "en plan kamikaze, porque eu estaba estudiando arquitectura na Coruña". O autor galego, que era amigo persoal de Ricard Castells, subliñou o feito de que os grandes editores comerciais no seo da organización do festival barcelonés intentara evitar a toda costa no seu día que ó debuxante catalán se lle concedese o premio do Saló, e que como non o lograron, cambiaron a norma de que o gañador deseñaba o cartaz da edición do ano seguinte, especificamente para que Castells non o fixese. Nunha nota menos amarga, o debuxante coruñés destacou o don que Ricard tiña, aparte de cómo excelso ilustrador, para titular obras. Na época na que Prado vivía en Barcelona, rematara unha historia breve e non sabía que nome darlle. O seu amigo propúxolle o título "La voz última", e a Prado pareceulle fabuloso. "Desde entón, nunca me preguntaron tantas veces o por que dun título como no caso desa historia", lembrou con humor, "porque non sei a que viña. Ricard tampouco. Pero o que estaba mal era a historieta, non o título", rematou Prado, facendo rir ó público ata a gargallada e o aplauso.
A bedeteca murciana
Presentouse en Barcelona un proxecto pioneiro no estado: a bedeteca da Biblioteca Regional de Murcia, a cal dependerá da consellería de cultura do goberno autónomo. A bibliotecaria Concepción Artacho desenvolveu ó longo dos últimos meses un manual de procedemento para a catalogación automatizada de cómics. Durante este tempo, e coa asesoría de expertos afincados na rexión mediterránea, a "tebeoteca" murciana foi adquirindo un fondo equilibrado por xéneros no que se inclúen as obras mestras internacionais e obras clásicas do cómic español. Entre as iniciativas a desenvolver por esta institución tamén se conta un anuario da BD murciana, e xa se comezou coa recollida de orixinais de cómic doados gratuitamente por autores murcianos, que contribúen deste xeito a un posible proxecto museístico do cómic murciano. O crítico Manuel Barrero (responsable de Tebeosfera.com) explica que na súa opinión, "a nivel da Península eu vexo catro grandes proxectos xa en curso con vocación de servicio público. A Bedeteca de Lisboa, o soportal Banda Deseñada en Culturagalega.org, tamén o que facemos nós e Tebeosfera, e o traballo da Biblioteca Regional de Murcia vense sumar a este conxunto; é un proxecto moi importante".
Títulos e máis títulos
A firma madrileña Producciones Aralia iniciou a venda dos 4 primeiros títulos dunha nova colección de BD titulada "Cuarto y Mitad". O concepto orixinal e logotipo da colección son obra de Jano, e o deseño gráfico de Adrián López (editor e guionista de "Nieve Negra"), ambos galegos. A idea de partida é publicar 12 títulos cada ano. Dos 8 restantes de 2002 varios xa están iniciados. Jano está rematando o seu propio cómic para esta colección, escrito e debuxado por el.
Jesús Moreno, editor do prestixioso selo madrileño Sins Entido, explicaba o venres a última hora da tarde que as vendas no certame barcelonés ían moi ben: "medraron un 40% respecto ó ano pasado a estas alturas do Salón", indicounos.
Dude Comics presentou as súas novidades o sábado ás 11:00 horas. Confirmouse que "Profundo" -obra do coruñés José Gimeno que aparecerá na colección Dude Gold- non chegara a tempo para o Salón de Barcelona, e que se distribuirá ó longo do vindeiro mes de xuño.
Pola súa parte, Norma Editorial confirmounos que editará o álbume de "Les Heresiarques" dos autores galegos Carlos Portela e Das Pastoras, o cal foi publicado a primeiros de 2002 en Francia. Norma non confirmou data de saída, aínda que si nos adiantou que Heresiarcas non sairá en castelán antes de xaneiro de 2003 como moi cedo.
O "Informe 2001"
Breixo Harguindey, cangués afincado en Barcelona, forma parte da organización do evento da cidade condal e é un dos grandes expertos en BD do estado. Fixo público un dossier titulado "Informe 2001" publicado polo Centro de Documentación de la Historieta. O CDH, presentado oficialmente nunha rolda de prensa o derradeiro día do Salón, é unha "asociación sen ánimo de lucro, de ámbito estatal", concebida por un grupo de persoas (editores, autores, críticos...) afincados na área de Barcelona. O obxectivo do CDH é ser o xerme para a creación dun centro que promova os traballos de investigación en torno ó cómic e tamén a creación dun museo da BD.
No "Informe 2001" escrito por Breixo Harguindey analísase a producción de 1375 comics editados en en España en 2001. Unha das notas desta publicación é desalentadora pola parte que nos toca: o ano pasado publicáronse 38 bandas deseñadas en catalán, 4 en euskera e 2 en asturiano, frente ás que a lingua galega só pode pór enriba da mesa os correspondentes números de "BD Banda" e de "Golfiño" (na edición de Xerais), á parte de algúns fanzines.
Harguindey, nunha ollada global ó mercado español que esta edición do Salón de Barcelona reflicte, observa "unha superación da crise a nivel de vendas, un ritmo razoable de publicación por parte das editoras, e o triunfo claro do libro -formato prestixio ou novela gráfica- frente ó cómic-book" (revistiña grampada).
Fotogalería Barcelona 2002
Troquelado de Corto Maltés nunha das casetas do Saló
Fotogalería Barcelona 2002
O director de cine e autor de cómic Borja Crespo e o guionista Kike Benlloch
Fotogalería Barcelona 2002
Adrián López e Pablo Ibáñez (Producciones Aralia) presentan a colección "Cuarto y Mitad", ideada por Jano
Fotogalería Barcelona 2002
Alberto Vázquez diante de orixinais seus na exposición de premiados no concurso do INJUVE
Fotogalería Barcelona 2002
Deseño dedicado por Das Pastoras nun exemplar de "Ustedes Perdonen"
Fotogalería Barcelona 2002
O debuxante Ángel mostra obras súas na sesión de firmas, no stand de Mundofreak
Fotogalería Barcelona 2002
Charla "Generación Zero/Homenaje a Ricard Castells". De esquerda a dereita, Josep Mª Beroy, Antoni Guiral, Emilio Bernárdez e Miguelanxo Prado.
Fotogalería Barcelona 2002
Mariano Casas, profesor de plástica do Instituto de Touro, lé un exemplar de "Tourolandia"
Fotogalería Barcelona 2002
Estatua de Blacksad a tamaño natural, na exposición de orixinas da obra
Fotogalería Barcelona 2002
Exposición dedicada a Spiderman