Cando o Trega fala

As escavacións desvelan máis segredos dun dos castros máis grandes de Galicia

As escavacións desvelan máis segredos dun dos castros máis grandes de Galicia
A cabeza castrexa atopada na muralla. Foto: Deputación de Pontevedra
No alto do monte Trega (A Guarda) vívese unha auténtica aventura. Os arqueólogos están a reescavar 2.300 metros cadrados dun dos castros máis grandes de Galicia, nunha área investigada antes da Guerra Civil. Malia iso, o equipo leva xa máis de 30.000 pezas exhumadas que documentan a relevancia e a intensidade das relacións entre os habitantes do castro do Trega co mundo mediterráneo, o complexo urbanismo da área e a antigüidade da súa fundación.

Mercé a un protocolo entre a Deputación de Pontevedra e o Ministerio de Fomento, o primeiro dos organismos está a cometer un proxecto para crear recursos turístico-culturais a través de dezoito xacementos de época galaicorromana na provincia. O Trega, unha das principais atraccións turísticas de Galicia, levaba desde 1988 sen ser escavado. O barrio que a xente adoita visitar hoxendía é o coñecido como Barrio Calvo. Os arqueólogos orientáronse cara outra terraza próxima pero que dominaba estratexicamente o esteiro do Miño: o barrio Mergelina.


O barrio Mergelina. Foto: Deputación de Pontevedra

Esta zona era unha doble ruína: en realidade esta parte do castro fora escavada entre os anos 1928 e 1933 por Cayetano de Mergelina, e logo posteriormente abandonada e esquencida. A vexetación devorou as ruínas exhumadas pero as memorias do que alí atopou Mergelina xa non se poderán recuperar. "Este é un dos sectores dos que temos menos noticias", sinala Rafael Rodríguez, arqueólogo da Deputación. Un incendio na Universidade de Valladolid, a poucos días de finalizar a Guerra Civil, levou con el as memorias da escavación.

Pero para traballar nun lugar que xa fora intervido, os resultados non están nada mal. Para empezar, nos 2.300 metros cadrados de intervención nas que se move o equipo, levan recuperadas trinta mil pezas. E iso nunha zona que xa fora escavada previamente. Iso son números moito máis grandes que calquera primeira intervención arqueolóxica noutro castro galego máis modesto. Pero aquí vén a primeira das sorpresas: o 80% da cerámica recuperada nesta zona é de importación, e só un 20% indíxena. Rafael Rodríguez descoñece se esta proporción é extrapolable ao resto do castro, pero non é o único factor interesante do barrio Mergelina.

A segunda das sorpresas ten que ver con esta primeira. Quen visita o Trega verá, no barrio Calvo, unha densísima concentración de estruturas domésticas redondas, con rueiros pequenos e pouco planificados. O barrio Mergelina é algo diferente: aparte de ter control directo sobre o río Miño e unha mellor orientación climática, as rúas están máis planificadas, as unidades familiares son de estilo bracarense, con patios interiores enlousados e varios edificios, as rúas están máis articuladas e, ademáis, os arqueólogos detectaron que cando o barrio foi reformulado, nalgún momento entre o século I a.C. e o I d.C., primeiro construíronse as vivendas e logo cinguíronse pola muralla. E isto é diferente do barrio Calvo, no que primeiro foi a muralla e logo as casas. "Non sabemos aínda en que medida é un desenvolvemento romano ou propio", sinala Rafael Rodríguez.


O equipo na intervención. Foto: Deputación de Pontevedra

Pero o que o barrio Mergelina desvela é que a ocupación do monte Trega é moito máis dilatada do que se pensaba. Algunhas teorías arqueolóxicas falaban de que este é un castro fundado dalgún xeito a partir da influencia romana. Pero a reescavación do barrio está a revelar un proceso máis complexo. "Temos claro que hai unha ocupación do século IV a.C. que se ve en forma de negativos", afirma Rodríguez, "non son tanto os clásicos buratos de poste que se atopan nos niveis desa época senón máis ben zanxas de cimentación e despois moitísimas foxas, que en moitos casos están por baixo das vivendas "modernas" do século I a.C.". Nalguhas destas foxas aparecen materiais moi antigos, do Ferro I e "temos a sensación de que as baleiraron para sanealas". A súa función non está clara: desde almacenaxe a basureiros interiores. O que si parece claro no barrio Mergelina é que o poboado vive unha intensa transformación no século I a.C., no que todo se reformula, se reforma e se constrúe a un enorme nivel.

Outra das grandes sorpresas da escavación é a aparición dunha cabeza castreña no derrube desta muralla do barrio. A cabeza, unha representación tosca que podería, polo estilo do pescozo, ter formado parte dunha escultura maior, estaba depositada nalgún punto do exterior da muralla. Estas esculturas aparecen con algunha frecuencia nas murallas dos castros, especialmente na área sur da antiga Gallaecia, e Rafael Rodríguez as vincula a un uso defensivo-máxico da muralla. El mesmo atopou outra similar durante a escavación do poboado de Besomaño, en Ribadumia. "Poden estar lembrando á práctica das cabezas cortadas habitual nas sociedades europeas da Idade do Ferro", sinala Rodríguez.

Comercio
"O Trega é un gran centro consumidor e seguramente redistribuidor", sinala Rafael Rodríguez, "os materiais de importación que detectamos proceden de Italia, do sur de Iberia, do norte de África. Hai aceite, viño, salgazóns, aparécennos xa lucernas que documentan o uso do aceite como combustible, cerámicas campanienses, sigillatas itálicas como obxectos de luxo". O Miño convírtese, posiblemente, no protagonista e na orixe de toda esta riqueza subida ao alto do monte. "Seguro que desde aquí saían materiais de explotación mineira e mesmo unha produción cerealística moi importante nesta área".

Espazos especializados
Os arqueólogos están detectando certa especialización nos espazos do barrio. Por exemplo, nun sector delimitado pola muralla, están a atopar unha chea de fichas de xogo que se cadra marquen unha área destinada a tal práctica.

A estas alturas da semana, un dos espazos que está a erguer máis curiosidade é un edificio aínda en escavación. É o edificio máis grande e longo ata agora localizada no castro, e mide 4,50 de ancho por nove metros de longo. O primeiro que sobresae é a coidadísima apariencia do seu exterior, con paramentos que parecen de "sillares de canteiría case almofadados na base da estrutura". Na zona norte, o enlousado exterior pasa de ser irregular a estar formado por grandes sillares dun metro de tamaño, achegándolle dignidade á estrutura.


O barrio Mergelina. Foto: Deputación de Pontevedra

Por algún motivo descoñecido, o equipo de Mergelina só chegou a escavar ata a metade do edificio, que está moi ben preservado. Os arqueólogos levan semanas retirando toneladas de entullo, xa que os muros aínda conservan case dous metros de altura. E o interior, por agora, é un misterio. Rafael Rodríguez ten claro que, "polo de agora, non é unha estrutura doméstica nin un almacén. É raro porque teoricamente está baleiro". Non aparece nada no seu interior e no centro parece ter unha especie de anel de pedra dun metro de diámetro. O edificio aínda está en escavación pero polo momento é todo un enigma.

Máis de vinte anos despois, un dos castros máis importantes do país volve a falar. E a súa riqueza é tal que, simplemente con limpar unha zona xa intervida hai décadas, os arqueólogos poden afundar moito máis no relato das orixes e desenvolvemento dunha cultura.