A ruta de Rois ao espazo comeza nos 3 anos

O colexio dos Dices estende a robótica ás aulas de Infantil

O colexio dos Dices estende a robótica ás aulas de Infantil
O colexio dos Dices de Rois é o único do país, e dos contados do mundo, que pode presumir de que o seu nome soou no espazo exterior. Foi a 400 quilómetros da Terra, dende a Estación Espacial Internacional (ISS), por boca dun astronauta, en outubro de 2013. O equipo de seis estudantes de 3º da ESO deste centro foi pouco despois campión de Europa da Volare Space Robotics Competition, un concurso da Axencia Espacial Europea (ESA) no que se impuxo cunha notable diferenza aos seus rivais. Venceron cun robot construído e mellorado por eles mesmos, capaz de mover caixas de diversos tamaños, e co que completaron unha exitosa simulación de subministración de alimentos e outros produtos aos astronautas do módulo Columbus da ISS.

O responsable educativo destes proxectos é Javier Méndez Zunzunegui, o profesor de Tecnoloxía que impulsou a robótica neste colexio xa referente na materia, agora empeñado en achegala tamén aos máis pequenos.

“Empregamos kits de robótica de Lego e nas caixas dise que son adecuados a partir dos 8 anos. Daquela, por que agardar a que os rapaces teñan 15 para empezar a traballar con este material? Hai robots con bastantes sensores que se poden programar de xeito moi simple para traballar con eles incluso en Infantil. E se anticipamos estes contidos, o alumnado podería chegar a Secundaria xa con certa base”, comenta o docente, cuxo proxecto de introdución temperá da robótica, dende os 3 anos, ten o apoio da Fundación Barrié.

Zunzunegui empezou a traballar con robots nas súas aulas hai máis de dez anos e en 2008 deu o salto ás competicións que tanta sona lle teñen dado ao centro. “Ese ano levei catro rapaces a un concurso en Portugal e cambiou a miña forma de ver a robótica educativa. Atopei unha morea de mozos motivados, traballando xuntos e con ganas de probar os seus robots. Vin que era compatible o ambiente lúdico e festivo cun traballo serio detrás”, lembra.



Un curso despois un grupo de estudantes de 15 e 16 anos de Rois convertíase en gañador estatal da First Lego League. Deseñaron, construíron e programaron un robot capaz, en só 7 segundo, de achegarse a unha casa de pezas Lego, elevala cunha panca para protexela dunha inundación e abrir unha ventá e baixar unha persiana. “O equipo defendeu ademais un pequeno proxecto de investigación sobre o cambio climático. Gústanme este tipo de iniciativas, porque te achegas á realidade. Propuñan un coche que se movería con aire comprimido para evitar emisión de CO2 e tres rapazas puxéronse en contacto cun fabricante de coches en Francia. Se estás investigando, facer isto parece moito máis natural que se estás resolvendo un exercicio para clase”, conta.

Aquel traballo foi o pasaporte á final da First Lego League, en Atlanta, onde acadaron a décimo oitavo posto na maior competición de robótica do mundo por número de participantes, ese ano máis de 100.000 rapaces de medio cento de países.

No palmarés o colexio dos Dices conta tamén coa vitoria doutras dúas alumnas na súa categoría para Europa, África e Oriente Medio no YouTube Space Lab de 2012, resultado que lles permitiu experimentar en Washington un voo con gravidade próxima a cero.

Experiencias como estas non son só positivas para quen concursan directamente. “Involúcrase toda a clase, por exemplo, construíndo maquetas para practicar co robot. É o aspecto positivo que lle vexo a este tipo de competicións: consegues unha participación entusiasta nunha actividade de ciencia e tecnoloxía, esperta o interese do alumnado e traballa a gusto”, conclúe.