Vellos castelos e novos castros

Falamos cos equipos de escavación da Cabeciña e O Casón

Falamos cos equipos de escavación da Cabeciña e O Casón
Porta de acceso ao Castelo do Casón, unha vez consolidada. Foto: Breogán Arqueoloxía
As boas condicións metereolóxicas do verán propician que cada ano en Galicia se realicen campañas arqueolóxicas coa fin da posta en valor do patrimonio, da investigación ou da recuperación. Repasamos hoxe as intervencións no castro da Cabeciña (Oia, Pontevedra) e no Castelo do Casón (Ortigueira, A Coruña). Da Idade do Ferro á Idade Media nunha única reportaxe.

O Proxecto Costa dos Castros engloba a varias comunidades de montes do concello de Oia (Pontevedra) e está a poñer gradualmente en valor diferentes sitios arqueolóxicos do rico patrimonio cultural deste concello litoral. O primeiro deles é castro da Cabeciña, do cal se está escavando o contexto arqueolóxico dunha cabana para proceder á súa restauración., nunha intervención dirixida por Carlos Otero, que comanda un equipo de arqueológos galegos e británicos. Para Xosé Gago, voceiro do proxecto, “o gran resultado da excavación é que o castro estaba moito máis arquitecturizado e monumentalizado do que pensábamos nun principio”. A monumentalización plásmase na construción de grandes muros que valen como aterrazamento pero tamén como soporte defensivo de cada terraza.


Escavación no castro da Cabeciña. Foto: Proxecto Costa dos Castros

A Cabeciña é un castro da Segunda Idade do Ferro ubicado nun promontorio sobre o mar, no que en intervencións previas vira a luz estruturas domésticas datadas nos séculos IV-III a.C. Na campaña actual os achados manteñen esta cronoloxía, se ben localizaron materiais posteriores vinculados ao comercio co Mediterráneo, incluíndo unha chamativa e moi ben conservada peza de xogo romana e o que pode ser un brazal de arqueiro.


Peza de xogo romana. Foto: Proxecto Costa dos Castros

Ademáis, a intervención está servindo para testear novas metodoloxías de documentación arqueolóxica baseadas na recreación da superficie en 3D, e un equipo do Incipit-CSIC estaban estudando o modelo de intervención como unha nova forma de facer arqueoloxía.

O Castelo do Casón


Interior do castelo do Casón, xa limpo. Foto: Breogán Arqueoloxía

O Castelo do Casón é unha fortaleza altomedieval emprazada no concello de Ortigueira, cunha amplísima visibilidade sobre a ría e o mar. O concello promoveu unha intervención no Castelo con financiamento propio, da Deputación e de AGADER, que tiña por obxectivo limpar o sitio arqueolóxico, facer sondaxes e consolidar parte das estruturas. A dirección estivo a cargo do arqueólogo Emilio Ramil e o axudante de dirección foi Eduardo Breogán Nieto, de Breogán Arqueoloxía, que foi a empresa que executou a obra.

A intervención permitiu coñecer máis sobre esta fortificación altomedieval, unha das poucas escavadas científicamente en Galicia. Os arqueólogos detectaron dúas fases construtivas, da cal a máis antiga está datada no século IX-X, que sufriu unha reforma posterior. Os técnicos tomaron mostras do morteiro de cal que se empregou, e que permitirán determinar con máis exactitude as cronoloxías deste Castelo.

Ademáis, os arqueólogos atopáronse cunha realidade anterior ao propio Castelo. “Na cata que fixemos ao carón da muralla o que nos estrañaba era a ausencia de cimentación desta. Dímonos conta de que estabamos escavando niveis dun castro anterior ao Castelo. A muralla medieval foi construída xusto enriba da antiga muralla castrexa”, sinala Eduardo Breogán Nieto, quen avanza que podería tratarse dunha acrópole da Segunda Idade do Ferro, con cerámicas con paralelos noutros castros da zona.

Ademáis, os traballos arqueolóxicos no Casón permitiron recuperar máis de cento cincuenta metros liñais de estruturas e desvelaron novos recintos posiblemente vinculados á fortaleza. As súas funcións, na Alta Idade Media, foi exercer como “torre vixía da ría”, segundo este arqueólogo, quen sinala que “cara o século XII a fortificación xa estaba abandonada.