Trece proxectos reparten as axudas ao talento audiovisual

A AGADIC resolveu onte a convocatoria, dotada con 145.000 euros

A Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) daba a coñecer onte a resolución das axudas ao talento audiovisual. As subvencións, que buscan incorporar novas voces a este ámbito, distribúen un total de 145.000 euros entre 13 proxectos de escrita de guión e mais de realización de curtas e de longametraxes en versión orixinal galega. En concreto, dentro da liña de apoio a longametraxes de directores noveis, Andrés Goteira con Dhogs, Ángeles Huerta para Esquece Monelos e José Manuel Mouriño Lorenzo, con Manuel Vilariño. Ser luz recibirán cadanseus 30.000 euros.


Por outra banda, foron cinco os proxectos de escrita individual de guión que recibiron axudas de 5.000 euros. Jorge Alexandre Cancelo Parcero con Grìmsey, Helena Girón Vázquez con Eles transportan a morte, Sonia Méndez Alonso con Antes de perder, Víctor Hugo Seoane Rodríguez con Ó correr do río e Marcos Vilariño Sanmartín con Indicios de doada certeza son os beneficiarios. Finalmente, cinco axudas de 6.000 euros foron para outras tantas propostas de realización de curtametraxes. En concreto trátase dos proxectos A liña política de Santos Díaz Antón, Ons de Santiago Diéguez Risco, Terra mollada de Eloy Domínguez Serén, A última batea de Xisela Franco Costas e As vacas de Wisconsin de Sara Traba Rotea.