Malia a que podemos pensar que as rutas de peregrinación se manteñen inalterables desde hai séculos, nos últimos anos estamos a contemplar como son obxecto de diferentes mudanzas. Os recoñecementos e a delimitación, a multiplicación de rutas ou a implicación social arredor destas vías, son algunhas das novidades que máis destacan. Repasamos, da man da nosa hemeroteca, as mudanzas que están a vivir os camiños.
A pegada da peregrinación no turismo cultural galego nesta reportaxe
Recoñecemento, plans e delimitacións
Este auxe reflíctese tamén no recoñecemento que teñen estas rutas, como deixa claro a integración, este mesmo ano, dos camiños Primitivo e da Costa no título de Patrimonio Mundial da Humanidade que xa tiña o Camiño Francés. Na mesma liña, a Xunta anunciaba un plan global para o conxunto dos vieiros. Este proxecto completará o traballo que desde o comezo desta década está a se dar cos demorados procesos de delimitación oficial das rutas. O Camiño de Inveno, o Inglés, o Francés ou o Primitivo contan xa con trazados específicos que establecen tamén os espazos de protección patrimonial nos seus respectivos contornos. No entanto, a creación destes trazados oficiais non está exenta de polémicas, xa que a miúdo atopan a contestación de concellos e particulares, preocupados por manter ou captar o fluxo turístico das rutas, e mais de plataformas sociais que reivindican os trazados máis tradicionais para estas vías, como é o caso do Foro do Camiño Primitivo, que levou a delimitación oficial ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.Implicación social
Precisamente, a implicación social que se está a dar arredor do espazos de peregrinación é outra das tendencias que amosan a crecente pegada que o fenómeno está a provocar no noso país. Para alén de debater e de reivindicar os trazados, tamén xorden da sociedade civil diferentes iniciativas que reivindican a existencia de percursos alternativos que, de xeito histórico, se empregaron para chegar a Compostela.A multiplicación
O Camiño Portugués da Costa, o do Ribeiro, o Miñoto-Ribeiro, o de San Rosendo, o Camiño do Mar ou, máis recentemente, a Variante Espiritual do Salnés e mais o acceso pola Ría de Muros e Noia son iniciativas que buscan, con maior ou menor fortuna, o seu recoñecemento oficial para se integrar na rede de vieiros que se promoven desde a igrexa e as institucións. investigadores e colectivos culturais, en colaboración a miúdo con concellos, reclaman a existencia destas e doutras vías alén das recoñecidas oficialmente, nunha tendencia que ameaza con continuar. E é que a ausencia histórica de camiños oficiais fai que se poidan atopar pegadas do fenómeno da peregrinación en diferentes rutas de entrada no noso territorio.- A nosa reportaxe sobre rutas alternativas de peregrinación (2007)
- A nosa reportaxe sobre o Camiño do Mar
- A reivindicación do Camiño do Ribeiro (2009)
- Novas sobre o camiño Miñoto-Ribeiro
- Unha proposta marítima alternativa para a Arousa
- Nova sobre o Camiño de San Rosendo
- O trazado do Camiño Portugués da Costa
- A Variante espiritual do Salnés no web da Mancomunidade de Concellos desta península.
- A reivindicación de Muros e Noia en La Voz de Galicia
- Reportaxe sobre o Camiño a Fisterra
- O Camiño Inglés (2004)
- O Camiño Primitivo
- A Ruta de Arousa e o Mar do Ulla
- O Camiño Mozárabe
-
Coa multiplicación de rutas non é de estrañar que xurdan tamén outras Compostelas, certificados que validan o ter realizado unha ou outra ruta.




