A distribución e a montaxe de exposicións ofrécese como unha alternativa aos estudiantes de Historia e de Belas Artes

Arrimar o cadro

Son estudiantes de Historia e de Belas Artes que ante a escaseza de postos de traballos nas súas áreas deciden poñer un punto e á parte no remuíño da oferta e da demanda. Con poucos cartos, moitas ideas e unha grande picaresca acaban de poñer en marcha a súa empresa: Vacui Instalacións Artísticas. Unha empresa dedicada á montaxe e exposición de obras de artes. Pero non é a única nun mundo que comeza cando se pasa o fecho dunha exposición.

O horario de visitas dunha exposición é a punta dun iceberg que amosa un traballo velado e en silencio que implica a moita xente e que require unha gran profesionalización. Un esforzo que fai posible que o visitante vexa a mostra tal e como os organizadores queren que a vexa. Antes dunha exposición, hai unha planificación do espacio en función da idea que se quere expoñer, un traballo de traslado das obras desde o taller do artista e un tratamento de cada unha das obras en función da súa singularidade para que non se dane no traslado. Un traballo que se volve producir unha vez que a exposición pecha as súas portas e as obras teñen que volver ao seu lugar. E é neste momento cando teñen sentido empresas como Vacui Instalacións Artísticas que son as que se dedican á montaxe a á exposición de obras.



Poñer en marcha unha empresa como Vacui ten lugar nun contexto marcado por dúas circunstancias. En primeiro lugar, a escasa oferta de postos de traballo para licenciados en Belas Artes e en Historia; e en segundo lugar, que cada día se inauguran moitas exposicións organizadas por entidades de diferente natureza que van desde museos ou entidades financeiras ata concellos pasando por asociacións. Partindo de que non todos os centros teñen, como o CGAC, un equipo especializado dedicado exclusivamente á montaxe de obras, atoparon neste punto un lugar en que ofrecer o seu traballo.




Na Bienal de Arte de Pontevedra tres rapaces, daquela estudiantes de Belas Artes, traballaron como montadores asistentes de artistas. José Fuentes, un deles, afirma “que foi a partir de aí onde vimos a necesidade de profesionalizar máis este aspecto”. Así foi como constituíron unha empresa que oferta o transporte e a montaxe das obras artísticas, con todo o que isto supón (coidado no desprazamento, vixilancia porque se trata de obras que poden ter moito valor no mercado e logo a colocación dentro da exposición). Como valor engadido ao seu favor, tiñan a preparación e a cualificación especializada para o desenvolvemento deste tipo de traballos que lles dá a súa titulación. Ademais, cada un dos socios está especializado nos diferentes soportes para tratar a especificidade de cada unha das obras de arte: escultura, pintura, audiovisual...



Ao servicio da arte

José Fuentes sabe que non é un traballo moi creativo e dinámico pero “o fundamental á hora de decidirnos a montar a empresa foi saber que se trataba dunha saída profesional que nos ía permitir estar directamente relacionados co mundo da arte e conseguir unha aprendizaxe continua”.



Nos seu comezos as dificultades foron moitas. E non só os relacionados como empresa, os trámites burocráticos e legais para poñerse a andar, senón os propios dun mercado que non estaba moi afeito á profesionalización de servicios como este. “Ao principio unha das maiores dificultades coas que nos atopamos foi a falla de coñecemento dos propios clientes potenciais, xa que estaban acostumados a que quen lle colgase o cadro fose un carpinteiro ou que llo transportase un fontaneiro na súa furgoneta; e cando ti lle contabas a túa visión do que é a montaxe dunha obra a xente confúndese e había un rexeitamento inicial”.




Outros exemplos

Vacui Instalacións Artísticas é un exemplo, pero non o único. En Galicia existen varias empresas que se dedican á montaxe e traslado de obras de artes, ademais dos equipos propios que teñen os grandes centros dedicados única e especificamente a este traballo. Itinere (A Coruña) e Ménsula (primeiro en Ourense e agora instalada en Vigo) dedícanse, como Vacui, ao traslado e a montaxe de obras de arte. Pero non só iso, o seu campo de traballo é moito máis amplo xa que actúan como xestores culturais, é dicir, son os encargados de todas as partes da exposición, desde a idea ata que se pecha a exposición.