A ollada de Sorolla sobre Galicia

O Museo de Belas Artes da Coruña abre a mostra que lembra as estadías galegas do pintor valenciano

O Museo de Belas Artes da Coruña abre a mostra que lembra as estadías galegas do pintor valenciano
Imaxe do cartel da exposición. Museo de Belas Artes da Coruña
O Museo de Belas Artes da Coruña, en colaboración coa Fundación Museo Sorolla, inaugura hoxe a exposición 'Viaxar para pintar. Sorolla en Galicia', inserida no marco do programa “100 años del fallecimiento de Joaquín Sorolla”, que conmemora o cabodano centenario do pintor Joaquín Sorolla y Bastida (Valencia, 1863 - Cercedilla, Madrid, 1923). A exposición que abre o Museo de Belas Artes pretende poñer en contexto as estadías que o pintor realizou en terras galegas entre 1900 e 1915, e como estas axudaron a agrandar a súa produción artística. Así, esta mostra é unha oportunidade para poñer en valor a obra do pintor valenciano, pero tamén para relacionala coa de varios artistas galegos de principios do século XX. As obras do valenciano compleméntanse con obras dos artistas galegos cos que mantivo unha relación máis estreita como foron Francisco Lloréns, Fernando Álvarez de Sotomayor, María Corredoira ou Jenaro Carrero. A exposición conta con máis de setenta obras entre óleos, debuxos, notas de cor e obxectos etnográficos que foron seleccionadas entre ambas institucións. Todos estes elementos expositivos permitirán contextualizar a relación do artista con Galicia, facendo fincapé tanto na súa visión das nosas paisaxes e xentes coma nas súas amizades e relacións laborais cos seus colegas galegos. A mostra pode visitarse desde hoxe ata o 10 de marzo de 2024.



Joaquín Sorolla é un dos grandes mestres da pintura española de finais do século XIX e inicios do XX. Foi o pintor español de maior proxección internacional do seu tempo e unha das figuras capitais da historia da arte española no seu conxunto.Segundo explican desde a organización, se por algo se caracterizou a vida de Sorolla foi por levar sempre a maleta na man. Dende os seus inicios como artista comprendeu que a inspiración e a arte había que buscalas e que isto implicaba ter que desprazarse a coñecer outros lugares e persoas, para estar nos círculos adecuados e vivir experiencias ligadas a espazos concretos. As pezas presentadas nesta exposición estrutúranse nun bloque introdutorio sobre Galicia a inicios do século pasado para continuar afondando nas diferentes viaxes á nosa terra: as primeiras estancias en 1900 e 1910 e esencialmente a visita en 1915 a Vilagarcía de Arousa, ano no que retorna para realizar o panel sobre Galicia encargado pola Hispanic Society de América polo cal pasará dous meses vivindo na zona de Arousa xunto coa súa familia. De aí sairá a súa obra 'La Romería', tamén coñecida como 'Galicia', e outros catro lenzos.