Toxosoutos inicia a colección de BD histórica "Galicia en cómic" co título "Noia, porto de Compostela".

Historia galega, de novo en BD

| Santiago. Redacción | Seccións: Arte
Compartir:

A editorial Toxosoutos vén de sacar ó mercado unha nova banda deseñada titulada "Noia, porto de Compostela", na que se narra o pasado da vila.

"Noia, porto de Compostela" non é un título aillado, senón que se trata da primeira entrega dun proxecto máis amplo que recebe o nome xenérico de "Galicia en cómic", destinado a contar mediante BDs a historia de distintas cidades e vilas galegas.



No que respecta a cales localidades se verán reflectidas nesta serie, Toxosoutos informa que "nesta altura non podemos precisar cantas comarcas serán tratadas dentro do proxecto. Só podemos confirmar que o número 2 será dedicado a Santiago de Compostela; o número 3 será sobre Vigo, e esperamos telos na rúa a mediados de 2003".



Os autores desta primeira entrega son Xosé Agrelo Hermo (guión) e o pintor Xosé Luís Veiras Manteiga. Os autores dos próximos volumes poderán ser distintos xa que, segundo Toxosoutos, "pretendemos mesmo proxectar a xoves debuxantes, fundamentalmente relacionados coa área territorial que tratemos en cada álbum".



"Noia, porto de Compostela", que ten formato álbum con capas ríxidas, custa 13,50€. A tiraxe componse de mil exemplares editados co texto en galego e outros mil en castelán.



A Consellería de Cultura mercou exemplares da obra para distribuír por bibliotecas, polo que aquelas institucións interesadas deberían solicitar copias á Dirección Xeral de Promoción Cultural.



Toxosoutos vén traballando dende 1988 na investigación, recuperación e difusión do patrimonio cultural galego nas súas diversas manifestacións. Xosé Agrelo, autor dos textos, é tamén director da editora.

Que che parece esta nova?
47 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Toxosoutos, Noia, Cómic, Banda deseñada...