Kalandraka presenta o libro- disco Cadros dunha exposición

Neste relato mestúranse a fantasía e a realidade coa música

A editorial Kalandraka acaba de presentar Cadros dunha exposición, un libro-disco con textos de José Antonio Abad, ilustracións de Xosé Cobas e a música da Filharmónica de Nova York baixo a dirección de Giuseppe Sinopoli. Fantasía e realidade danse a man neste relato que invita a espertar a curiosidade, a imaxinación; facendo da visita ao museo de San Petersburgo unha experiencia inesquecible para os sentidos.



Kalandraka aposta polo formato libro-CD para ofrecerlles aos lectores uns libros diferentes, atractivos e enriquecedores. Cadros dunha exposición é o terceiro volume da colección Música Clásica, xunto con As catro estacións e O carnaval dos animais, con composicións de Vivaldi e Saint-Saëns, respectivamente. Nesta nova edición a protagonista é Ocazul, que percorre o Museo de San Petersburgo contemplando as pinturas do artista Viktor Hartmann. Acompañando o percorrido, os lectores poden escoitar a obra que Modest Mussorgsky compuxo en memoria do seu amigo, interpretada pola Filharmónica de Nova York baixo a dirección de Giuseppe Sinopoli.

Ilustracións

Con cores suaves e trazos delicados, Xosé Cobas acompaña os textos e as melodías con imaxes cheas de maxia e sutileza. Destaca o coidado detallismo nas representacións arquitectónicas do espazo museístico e os elaborados xogos de luz. Facendo unha recreación dos cadros orixinais, o ilustrador introduce ao lector na dimensión pictórica das obras.
O obxectivo da editorial Kalandraka é fomentar a lectura, ante a certeza que os libros contribúen a espertar nos nenos "a curiosidade e o enxeño, a educalos a nivel afectivo, estético e visual".