O documental Fai Rúa do Barrio Alto de Vigo reflicte o patrimonio desta zona

O espectador poderá realizar un paseo virtual polo Casco Vello da cidade olívica

A Asociación Cultural Casco Vello Alto de Vigo presentou o venres 15 de maio o primeiro vídeo do proxecto de web documental (web-doc) Fai Rúa, que nace coa vontade de visibilizar o patrimonio e as anécdotas máis interesantes deste barrio da cidade olívica, en pleno proceso de rehabilitación. O Castelo de San Sebastián é un dos protagonistas do primeiro web-doc desta iniciativa que se compón dunha trintena de vídeos e que permitirá ao espectador realizar un paseo virtual polo Casco Vello da cidade.

As pezas audiovisuais de Fai Rúa recuperan o pasado da Ferrería, reivindican o presente e poñen en valor o patrimonio cultural e social do barrio. O documental da Asociación Cultural Barrio Alto comezou a realizarse no mes de setembro de 2014 e rematouse en febreiro deste ano ainda que no futuro irá completándose con máis vídeos sobre o patrimonio material e inmaterial do barrio vello da cidade olívica.

Os diferentes vídeos que conforman a web-doc Fai Rúa agrúpanse en catro categorías. A primeira delas, a de Patrimonio, terá sete vídeos de lugares como o Baluarte de San Sebastián, a Panificadora ou o Banco dos Contos. A categoría Veciñanza servirá para coñecer a algunhas das persoas que habitan no barrio.

O protagonismo dos veciños
Pola súa banda, a categoría Comercios componse de catro vídeos que mostran a actividade do barrio. E por último, a categoría Anécdotas será a que teña maior peso, e nela son os veciños os protagonistas e os que contan todas as curiosidades dos últimos 80 anos de historia do barrio.

O Barrio Alto é unha toponomia de recente creación que inclúe os barrios da Ferrería, de San Sebastián, o Arrabal de Santiago, as rúas Pracer e Cachamuíña e o campo de Granada.

Ligazóns