Edicions de Ponent publica a novela gráfica de Kike Benlloch e Alberto Vázquez.

Freda chega ás librerías

Dous autores galegos, Kike Benlloch e Alberto Vázquez,
publican un álbum de BD na prestixiosa editora valenciá Edicions de Ponent. O argumento: unha historia de amor co trasfondo da emigración galega en Centroeuropa.

Adiantábamolo en maio de 2002, despois do Salón de Barcelona, e xa é unha realidade. A novela gráfica "Freda", escrita por Kike Benlloch e deseñada por Alberto Vázquez, xa se pode adquirir nas librerías de Galicia e toda España. Na nosa comunidade a distribución corre a cargo da distribuidora Kalandraka, propiedade da editora pontevedresa homónima.



"Freda" conta unha historia de amor co pano de fondo da emigración galega no centro de Europa á altura da segunda metade do século XX. Segundo o editor Paco Camarasa (Edicions de Ponent), esta banda deseñada "conta coa expresividade dun trazo preciso e novedoso".



A sinopse realizada polos autores conta que os pais do protagonista, Manu, vense obrigados a emigrar por causas económicas cando el aínda é un neno. No país de acollida, o rapaz descubrirá un mundo descoñecido e á persoa máis importante da súa vida, unha nena da súa idade chamada Freda.



A obra presentarase en decembro en Madrid con motivo da inauguración da exposición do Instituto da Xuventude (Injuve). Esta institución premiou en 2001 un dossier de Alberto Vázquez, galardón que abriu as portas á edición do libro.



Edicions de Ponent é unha das máis prestixiosas editoriais de Banda Deseñada do estado español e ven desenvolvendo as súas actividades desde 1995. Firma enmarcada no sector independente, dispón xa dun catálogo de tres ducias de títulos e conta con numerosos premios.



"Freda" é un álbum de 64 páxinas en branco e negro e ten un PVP de 11€.