Play Doc presenta a súa sección oficial

O festival de documentais tudense celébrase entre o 22 e o 26 de abril

Sete filmes competirán na XI edición do Play Doc. O festival de documentais que se celebrará en Tui entre o 22 e o 26 de abril presentaba onte a súa sección oficial. Entre as participantes, destaca a presenza de catro filmes de directoras novas, Talena Sanders, Soon-Mi Yoo, Maureen Fazendeiro e Amanda Rose Wilder, que competirán con traballos de J.P. Sniadecki, Fernand Melgar e Göran Hugo Olsson. O evento puxo en marcha tamén a convocatoria para que os interesados poidan contribuír económicamente á organización do festival, e ten aberto o prazo de inscrición para o seminario Crítica e Programación, que organiza en colaboración coa revista A Cuarta Parede.

Como novidade para a vindeira edición, e pendentes de coñecer o programa completo do evento, o vindeiro Play Doc inaugura a sección Resonancias. Na mesma, os críticos Martín Cuesta (Cinema ad hoc) e Iván Villarmea (A Cuarta Parede), seleccionarán tres filmes entre os 31 recibidos en convocatoria aberta, atendendo tanto á calidade do filme como á do texto que o presenta.

Listaxe de filmes que participan na sección oficial do XI Play-Doc

Approaching the Elephant (Amanda Rose Wilder / EUA, 2014)
Concerning Violence (Göran Hugo Olsson / Suecia, Finlandia, Dinamarca, EUA, 2014)
L'abri (Fernand Melgar / Suíza, 2014)
Liahona (Talena Sanders / EUA, 2014)
Motu Maeva (Maureen Fazendeiro / Francia, 2014)
Songs From the North (Soon-Mi Yoo / Corea do Sur, Portugal, EUA, 2014)
The Iron Ministry (J.P. Sniadecki / EUA, 2014)