De nieuwe wereld álzase co galardón do OUFF

Ohne Dich fíxose cos premios do público e ao mellor guión

A XIX edición do Festival Internacional de Cinema de Ourense (OUFF) fechaba onte as súas portas. A coincidir co final desta edición, dábanse a coñecer os gañadores dos premios do ano. Desta volta foi a holandesa De nieuwe wereld a que levou o Gran Premio Calpurnia á mellor película, e viu o seu director, Jaap van Heusden honrado co premio Carlos Velo á mellor dirección. Pola súa banda, a alemana Ohne Dich valeulle ao director Alexandre Powelz o galardón do público e, canda a Alexandra Umminger, o de mellor guión.

Simindis Kundzuli (A illa do millo), de George Ovashvili, fíxose co premio Especial do Xurado, mentres que o actor Nabil Asli venceu na categoría de interpretación polo seu traballo de La preuve.

Canda a estes recoñecementos, o xurado, composto por Toni D'Angela, Carlos Iglesias, Isabel Blanco, Xavier Villaverde, Teresa Fernández-Valdés e Moncho Lemos, outorgou tamén tres mencións especiais ao elenco de De nieuwe wereld, á actriz Katja Riemann e mais ao director de fotografía Beto Martins.