A Academia do Audiovisual reformula os Mestre Mateo

Crea os Premios Ith para recoñecer o talento emerxente

A XIII edición dos Premos Mestre Mateo está xa en marcha. A Academia Galega do Audiovisual abría onte o prazo para participar nos seus galardóns anuais, que chegan este ano con novidades. Así, este ano unicamente haberá catro ámbitos a concurso, centradas en longametraxes, documentais, series e programas de TV. En paralelo, a Academia crea os Premios Ith, que se darán a coñecer a finais do verán e que pretenden "recoñecer o talento emerxente dos novos creadores audiovisuais no máis amplo sentido da palabra; recoñecer a aportación doutras realidades dentro do sector audiovisual como o mundo da crítica, o estudio, a difusión, etc: e por último, recoñecer e poñer en valor o talento existente noutros terreos da creación audiovisual e noutros formatos de menor duración". En total, convócanse vinte categorías, e desaparecen apartados como os de Mellor Longametraxe para Televisión, Mellor Serie Web, Mellor Curtametraxe de Imaxe Real, Mellor Curtametraxe de Animación, Mellor Anuncio Publicitario, Mellor Videoclip e Mellor Dirección de Produción. O prazo de presentación de candidaturas aos galardóns está aberto ata o vindeiro 28 de novembro.