O crítico Óscar Losada entra no xurado do World Music Charts Europe

É o primeiro galego que fai parte desta comisión internacional de especialistas

Por vez primeira un galego fai parte do grupo internacional de expertos que confeccionan a World Music Charts Europe. Óscar Losada, xornalista e crítico musical, acaba de se incorporar á nomina de 46 especialistas que fan parte deste comité. Losada foi seleccionado polos tres membros do Estado que ata o momento facían parte da lista, José Miguel López, Lara López e Albert Reguant. A partir de agora participará nas votacións que, mes a mes, seleccionan os mellores discos de folk e músicas do mundo para unha lista considerada un referente internacional.