Novas ondas no Atlántico

As propostas de novos creadores destacan no festival de BD da Coruña

A nova edición de Viñetas desde o Atlántico mantén, ao igual que nos últimos anos, un carácter plural. As bibliotecas municipais, a Federación de Libreiros ou a Asociación de Ilustradores participan para encher a Coruña, a partir de hoxe, de banda deseñada. No entanto, a edición de 2014 amosa unha especial vitalidade en canto aos novos proxectos que se presentan desde a autoedición e da man de novos creadores.

Os novos marcan tendencia no Viñetas desde o Atlántico. O Salón do Cómic da Coruña arrinca hoxe a súa 17 edición a seguir o modelo co que se está a xestionar nos últimos anos. Deste xeito, organización propia do evento, centrada nas exposicións e nas actividades dos autores convidados, vese complementada por obradoiros e propostas nos centros culturais da cidade, así como por iniciativas das bibliotecas municipais ou pola actuación da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración. Por segundo ano, a Federación de Libreiros coordina as actividades da Rúa da BD e integra en paralelo á Feira do Libro da Coruña (aínda que nunha zona separada) os postos de venda de librarías e editores.

O núcleo
Como cada ano, as exposicións e os autores convidados compoñen o núcleo dun evento que cada vez se expande máis pola cidade. Desta volta o Kiosko Alfonso acolle as mostras de Zidrou e Oriol Hernández, Sento, Montse Martín e, como autor galego recoñecido este ano, Jano. Outros convidados como Charlie Adlard, Marcos Martín e Javier Rodríguez teñen as súas mostras en Palexco, mentres o Concello acolle unha exposición sobre BD española dos anos 50 e na sala Salvador de Madariaga pode verse unha panorámica da banda deseñada galega, todas elas abertas ata o vindeiro mes de setembro. Canda a isto, como non, ao longo das semana os autores convidados participarán en diferentes charlas e realizarán sesións de sinaturas. Ademais, Javier Rodríguez, Charlie Adlard, Zidrou e Marcos Martín farán parte dos encontros profesionais que se celebran no seo do festival.

Autobán
Como unha das grandes novidades deste ano aparece Autobán, un encontro de autoedición que durante os días 8 e 9 presentará múltiples proxectos que se desenvolven neste campo tanto en Galicia como a nivel estatal. Máis dunha trintena de iniciativas que abordan a edición independente desde diferentes formatos atópanse nun programa segundo explican os organizadores, quere visibilizar ao máximo os traballos de autoedición no contexto do festival. Facilitar a participación dos autoeditores cunha cita que desenvolve unicamente durante a fin de semana, concentrar a presenza destas iniciativas no mercado de fanzines e achegar formatos como a Pechakucha Night que se celebra o sábado 9 pretenden dar a coñecer con máis facilidade estas propostas. Ademais celebrarase unha mesa redonda sobre xénero e banda deseñada e outra sobre modelos e saídas de autoedición canda a outras actividades lúdicas. Organizado pola Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI), o Autobán integra este ano o Combate de Debuxantes, que se celebrara xa na pasada edición de viñetas con grande éxito.

Novas cabeceiras
A celebración deste encontro pon de relevo a importancia que manteñen os proxectos de autoedición no panorama da BD galega e amosa tamén que Viñetas continúa a ser un referente fundamental para a presentación das novidades neste ámbito. Así, vense novas cabeceiras como Altar Mutante. A publicación dedicada ao gore e ao terror lanza o seu primeiro número, 54 páxinas de historias con nomes xa habituais do panorama da BD galega, como Kike Benlloch, Sergio Covelo, Manel Cráneo, Álvaro López, Roque Romero ou Luis Sendón canda a nomes como Bougie, Putrid, Don Rogelio, Josep F. Rico, César Valladares ou Pedro Villarejo. Destaca tamén a posta en marcha de Hermético, un novo fanzine feito en Pontevedra por alumnos do grupo das fins de semana da escola de BD O Garaxe Hermético. Unha nutrida nómina de novos creadores que inclúe a Laura Comesaña, José Málvarez Carleos, Eli, Salvador Aneiros, R. Ramallo, J.C. da Silva, Al, Pepe Mansilla, Quique Veiga, Carlos A. Limeres, Debelius, Héctor, Recuna e Rosa Caamaño.

E máis autoedición
David Braña e David Buceta, ademais de continuar coa nova etapa da revista El Arca de las Historietas, presentan o comic-zine Low Cost, unha publicación na que mesturan diferentes historias ambientadas nunha futura dictadura no Estado. Brad Abraham, Adrián Gutiérrez, Rafa Amat e Leanne White completan a nómina de creadores que se suman a este novo proxecto. Outra cabeceira que inicia a súa andaina en Viñetas é o fanzine Gris,un proxecto unipersoal de Fernando Castro. Kike J. Díez aproveita a cita para continuar coas presentacións do seu álbum Nordés. Non podía faltar o número 1 de Compota de Manatí, que leva xa varios meses de presentacións no que o equipo inicial de Yago García, María Álvarez, Jorge Peral e Rooster (Marcos García) conta coas colaboracións de Luis Yang, Xulia Vicente e Miguel Robledo de novo nun proxecto no que o azar determina o contido das historias. Sacoponcho tamén acode á cita da man do colectivo Fume de Carozo, formado por Luis Yang, Uxía Larrosa, Paloma Tarrío e Xulia Vicente, a cabalo entre Galicia, Valencia e Barcelona. Canda a eles, tamén estarán presentes no Autobán autores como Cristian Fojón e as súas Historias de Regotorto, Brais Rodríguez, Diego Blanco, Martín Romero, Inés Casarejos, o dúo Os Bravú ou Roque Romero.

Edición
Para alén da autoedición, tamén hai firmas do país que presentan en Viñetas as súas novidades. Da man de Demo Editorial chegan Operario de Jano e Rodrigo Cota e mais A causa do crime. de Tokio, mentres que o Garaxe Hermético presenta A vila dos debuxantes do Norte, unha proposta colectiva dos alumnos desta escola de BD na que se cruzan diferentes historias ambientadas nunha vila chea de banda deseñada. Fonso Barreiro, Carlos Limeres, Inés Vázquez, Juan Carlos Pérez Reboiras, José Carlos Pérez Da Silva, Guillermo Mayo Debelius, José Malvárez Carleos, Alexandre Senade, Salvador Aneiros, Ánxel López, Zé Nuno Fraga, Nico Regueiro, Andrés Laxeira, Rubén G. Ramallo, Elisabet García Aires, Alberto Abal (AL), J. Enrique Veiga, Nuno Cunha, Alba de Alba, Sandroke, Fran Couto, Daniel Corrada, Nuria Figueiredo, Miguel Rojo, T.G. Martins e Escal asinan os traballos do volume de 64 páxinas con capa de Fernando Iglesias. Tamén presenta a súa primeira produción no campo da BD Estaleiro editora, que presenta Cómics desde Hicksville, un volume que recolle cinco historias realizadas por Dylan Horrocks ao longo dos últimos 20 anos.


Obradoiros e formación
Tamén a atender ás novas xeracións, e coordinados por Manel Cráneo, toda unha serie de obradoiros se desenvolverán no Fórum Metropolitano e mais no centro cultural Ágora da man de sete autoras de banda deseñada e de ilustración. Marina Seoane, Vanessa Durán, Macus Romero, “Perrilla” Talía García, Nuria Díaz Berride, Laura Blanco e Irene Sanjuán achegarán diferentes técnicas de narración e de debuxo a participantes de entre 3 e 12. As actividades caracterízanse por achegamentos pouco convencionais a estas artes, que van desde a creación de personaxes, o traballo con luces e sombras, as onomatopeias e as metáforas visuais aplicadas ao deseño de roupa, a creación de histoiras a partir de poemas, a elaboración de libros despregables, ou o debuxo en area con mesa de luz. En total, 56 obradoiros en oito días que chegan a máis de 200 participantes. No marco deste mesmo ciclo de actividades poderá verse a exposición Autoras sobre papel, que amosa o traballo das profesoras deste encontro. Tamén no Ágora, Henrique Torreiro coordinará o Laboratorio Creativo de Cómic para maiores de 16 anos, unha proposta que, na liña do desaparecido Lab.Ou proporá a creación de historias experimentais con limitacións e premisas sobre os recursos a empregar polos autores. A iniciativa comeza o martes 6 e terá unha duración total de 6 horas, a razón de dúas cada día. A mesa redonda sobre traballar na BD internacional, con José Domingo, Emma Ríos e David Rubín que se celebrou o pasado 1 de agosto e mais sesión de maquillaxe zombi completa as propostas que se desenvolven desde ámbito da organización.

A todas estas propostas haberá que sumar todas a que as Bibliotecas Municipais vai desenvolver nos seus diferentes centros (como exposicións temáticas de fondos de BD), e mais nos propios xardíns de Méndez Núñez. Ademais, por suposto, das presentacións e actividades que, da man de autores e editores se desenvolven, xa desde o pasado venres día 1 na zona dos postos de venda. Todo un feixe de actividades e de novidades ás que cómpre estar atentos e que se desenvolven ata o vindeiro día 10.