A dinámica cultural a debate no congreso " A Cultura no século XXI"

O futuro da minoría

Román Gubern, catedrático de comunicación da Autónoma de Barcelona, Carlos Casares, presidente do Consello da Cultura Galega, e os expertos Claude Hagàge, Jonathan Dunne, Geneviève Patte son algúns dos múltiples expertos que dende hoxe e ata o vindeiro sábado se darán cita en Compostela. O seu cometido é analizar o futuro das culturas minorizadas dentro das xornadas " A cultura no século XXI" organizado pola Consellería de Cultura.

Literatura, arte e imaxe na sesión inaugural


Se hai algo no que coinciden todos os relatores desde congreso "A cultura no século XXI" é a tendencia globalizante que afecta a múltiples disciplinas do mundo actual. Por iso a palabra globalización estará presente en todas e cada unha das ponencias que alí se referencien. A primeira conferencia levará o título "Identidade e performatividade corporal na era cibernética" e será pronunciada polo profesor Roman gubern, catedrático de comunicación da Universidade Autónoma de Barcelona. Seguiralle na quenda Arturo López, cunha ponencia titulada "Integración, illamento ou supervivencia: disxuntiva das culturas minoritarias ante o fenómeno da globalización". A xornada inaugural continuará pola tarde coa mesa redonda "Divagacións sobre iso da cultura" co debuxante e ilustrador Xan López, co intelectual galeguista Isaac Díaz Pardo e o pintor marileño Eduardo Arroyo. Pola súa banda, o escritor Gonzalo Navaza, ofrecerá a súa visión da "literatura e as novas tecnoloxías".












Congreso con distintos puntos de vista


As tradicións, as linguas minoritarias, a música e a experiencia doutras culturas minoritarias abordaránse noutras sesións destas xornadas. Por ese motivo, están en Compostela numerosos estudiosos entre os que destca Claude Hagàge, Jonathan Dunne, Geneviève Patte, Franck Meyer, Enrique Wulff ou David Mackenzie. "A cultura e a tradición" será o foro de debate que xuntará na mesma mesa a Lucía Iglesias Kuntz, ó intelectual galeguisa Basilio Losada e a Jonathan Dunne. Tamén estará en Compostela, Guillermo Rojo para abordar o tema "Linguas e novas tecnoloxías no século XXI". Nestas xornadas tamén hai un momento de reflexión para analizar os cambios que afectan ó xornalismo. Unha visión que tratará de ofrecer o decano da Facultade de Xornalismo, Xosé López.