Os números e o Prestige

A investigadora María Loureiro presentou a análise sobre os custos do desastre na xornada do CCG sobre Modelización da Terra

O pasado 7 de novembro o Consello da Cultura acollía a xornadas A modelización da terra en Galicia. Entre os investigadores que presentaban as posibilidades dos modelos matemáticos para coñecer o noso territorio e a nosa sociedade, había un nome de especial actualidade. Desde a universidade de Zacatecas, México, María Loureiro presentaba a súa análise sobre os custos directos e indirectos da catástrofe do Prestige, un traballo que foi empregado pola fiscalía no recente xuízo sobre esta cuestión.

O primeiro estudo académico que se empregou a nivel estatal para reclamar un dano nun grande desastre ambiental. O traballo de María Loureiro como perito da fiscalía no xuízo do Prestige amosa as posibilidades das análises numéricas para coñecer polo miúdo os máis variados ámbitos da nosa realidade. Na xornada A modelización da terra en Galicia do Consello da Cultura, a autora aproveitou a súa experiencia neste caso para analizar, por videoconferencia desde México, as limitacións das análises numéricas. Co título Ata onde chegan os modelos socioeconómicos abordou as posibilidades deste tipo de investigacións.

Necesidade de datos
Nese sentido, apuntou que “chegan ata onde a especificación do modelo o permita” e sinalou a necesidade de contar con datos a pequena escala. “Os datos son o límite” asegurou a investigadora na súa presentación. E nese sentido apuntou que cómpre desenvolver uns axeitados inventarios de recursos que permitan localizar e acceder aos mesmos. De feito, segundo destaca, traballar unicamente con cifras a grande escala dificulta establecer relacións causais.

Custos
Segundo os datos recollidos na presentación de Loureiro, se sumamos as reclamacións do Estado Francés e se desconta a cantidade xa pagada polo Fondo internacional de Indemnización de Danos debidos á contaminación por hidrocarbudos, o Prestige custoulle ao noso país 2.074 millóns de euros no curto prazo e 2.433 millóns a medio prazo.

Os custos indirectos
Mentres os custos directos foron sinxelos de cuantificar, partindo das cifras investidas polo Estado en recuperación e limpeza, a investigación de Loureiro centrouse nos danos indirectos e na valoración do mesmo. Deste xeito, apuntou a necesidade de ter en conta parámetros como os danos á saúde dos voluntarios, as diminucións nos prezos dos mariscos e peixes galegos, as minguas nas capturas ou mesmo os danos morais, aínda que recoñeceu que en moitos casos a falta de datos impide unha cuantificación axeitada. É o caso, por exemplo, do incremento de custo que sufriron moitos barcos ao ter que mudar as súas rutas de pesca pola migración de especies que se deu despois da marea negra, e que está sen cuantificar. Ou das cifras oficiais de capturas, que non separan as realizadas pola flota de altura e as de baixura, que son as que se viron máis afectadas pola contaminación.

Variables socioculturais
Canda aos problemas de contar con datos, Loureiro incidiu na súa intervención na necesidade de ter en conta, especialmente cando se trata de avaliar cuestións ambientais, variables de carácter sociocultural ou emocional que afectan tamén a dinámicas de mercado. Na análise que realizou tentou avaliar a pegada da catástrofe sobre a imaxe dos produtos do mar do noso país e o xeito no que isto puido nas vendas dos mesmos e incluso a pegada a nivel turístico do desastre. Para isto tivo en conta desde os prezos de diferentes especies nas lonxas ata a presenza do caso nos medios de comunicación, pasando polas campañas que desde diferentes entidades se realizaron para fortalecer a imaxe do peixe e do marisco do país.

Evitar interferencias
A maiores dos problemas dos datos, no seu informe sobre a fiscalía Loureiro atopouse tamén coa necesidade de prescindir de datos posteriores a 2006 en varios dos parámetros. A publicación pola Xunta de Galicia de informes que apuntaban unha influencia do cambio climático na produtividade do mar e a pegada da vaga de incendios que se deu nese ano sobre os bancos de marisco fixo que obviase os posteriores para evitar interferencias. A intervención íntegra de Loureiro e a súa presentación na xornada sobre Modelización da Terra están dispoñibles no web do Consello da Cultura.
Valorización económica do Prestige no documento Ata onde chegan os modelos socio-económicos? de María Loureiro.