O CCG visibilizará en 2014 as figuras de Fray Rosendo Salvado, Lino Novás e Valle Inclán

A institución sufre unha rebaixa do seu orzamento dun 2,45% para 2014

Ramón Villares, Presidente do Consello da Cultura Galega, valorou os orzamentos do 2014 como “austeros” e afirmou que se continuará economizando en partidas de gasto corrente, aínda que a rebaixa afecta especialmente ás actividades máis “nucleares” da entidade, como as xornadas, os eventos, encontros e accións de proxección exterior da cultura galega. O CCG sufrirá en 2014 un recorte de case 60.000€ -o que significa un 2,45% menos de ingresos que en 2013-, contando cun orzamento total para a vindeira anualidade de 2.374.447€.

Villares fixo estas declaracións durante a comparecencia na Comisión de Cultura do Parlamento de Galicia, institución ante a que debe rendir contas o CCG anualmente. O Presidente do Consello da Cultura Galega quixo recalcar que neste contexto de “austeridade” a cultura “pode ser un investimento e un gasto social”.

Proxectos para 2014

Entre as actividades propostas para 2014, Villares destacou o centenario de Fray Rosendo Salvado, de quen se fará unha exposición e se editarán textos orixinais, ou de Lino Novás, o xornalista e escritor cubano de orixe galega. Villares tamén aludiu á importante aposta do CCG pola difusión da figura de Ramón María del Valle-Inclán, de quen se realizará unha exposición visitable en Galicia pero destinada tamén aos centros Cervantes distribuidos polo estranxeiro, coa intención de dar a coñecer internacionalmente a este autor desde unha perspectiva galega.

Canda estes proxectos, o CCG manterá unha programación estable de eventos, conferencias e xornadas que exerzan como punto de intercambio e reflexión entre os diferentes sectores culturais do país. Villares reivindicou o papel do CCG como “ponte” entre as administracións, a sociedade civil e o mundo profesional da cultura.

Maior dixitalización

Villares tamén suliñou que o CCG manterá “e intensificarᔠa aposta pola dixitalización e o deseño de ferramentas en liña de acceso aberto a significativos materiais da cultura galega, tanto dos arquivos xa existentes na institución como de novos proxectos.