A Educación cómelle terreo á Cultura

O proxecto de orzamentos de 2014 para Cultura consagra o crecemento de AGADIC

A Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria conta para 2014 con, aproximadamente, o mesmo orzamento do pasado ano. No entanto, o descenso de só un 0,7% nos fondos dispoñibles non se reparte do mesmo xeito entre as diferentes áreas de actuación deste departamento. A se centrar no campo concreto da Cultura, verifícase un novo recorte na práctica totalidade dos programas, que afecta de xeito especial a bibliotecas e patrimonio. Facemos unha rápida achega ás contas previstas para a cultura do vindeiro ano.

Pendentes de aprobar, as contas públicas para a Consellaría de Educación e Cultura amosan un panorama no que continúan os recortes para a maior parte das políticas culturais. A teor dos números, semella que o maior investimento en ensinanzas universitarias, que pasan de 320 a 327 millóns de euros nas previsións, explica a mingua na práctica totalidade dos demais programas en mans da Consellaría. É dicir, o investimento previsto en Universidades adquire peso en 2014 en detrimento dunhas políticas culturais que perden fondos a un nivel superior á redución do orzamento da consellaría.

Excepcións
Dentro dos ámbitos culturais, a principal excepción nos recortes dáse no programa de Fomento das Actividades culturais. Este crecemento explícase polo crecemento dos fondos dedicados á Axencia Galega das Industrias Culturais, encadrados neste epígrafe. Así, AGADIC contará este ano con algo mais de 9.924.000 euros para o seu funcionamento fronte aos 8.745.000 que tivo en 2013. Esta aposta pode interpretarse cono un apoio da Xunta á nova xestión de Jacobo Sutil á fronte do organismo e quizais apunte a unha mudanza nos drásticos e polémicos recortes que sufriron os sectores das artes escénicas e mais do audiovisual nos últimos anos. Fóra deste incremento, destaca nas contas o mantemento dos fondos destinados á Cidade da Cultura. Precisamente o feito de que todas as industrias culturais, agás a do libro, dependan da axencia, fai que estas fiquen invisibilizadas nos orzamentos. De xeito paralelo a esta aposta por AGADIC, a Consellaría, tal e como adiantou Praza Pública, mantén o seu investimento no Gaiás en 9,2 millóns de euros (fronte aos 9,3 de 2013), malia á anunciada paralización de edificios.

Lingua
Un dos recortes planificados que está a erguer máis poeira é a nova redución dos fondos destinados a Campañas de Normalización, que contan este ano con 1.092.256 euros. A mingua, que a Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua (CTNL) sitúa nun 17,4% a respecto do último ano, confirma unha tendencia á baixa que xa foi denunciada repetidamente nos últimos exercicios. En total, os distintos capítulos vencellados ao galego diminuíron nun 6,1% a respecto do pasado ano, e iso que nesta ocasión integran a achega da Xunta á Real Academia. A contar desde 2005, o descenso acumulado no conxunto de políticas de lingua é xa do 72,9%, segundo as estimacións da CTNL.

Libro
Tamén dentro do apartado de normalización, a recorrente baixada da partida de subvencións para proxectos didácticos en lingua galega ten sido xa amplamente criticada polos editores. Para o vindeiro exercicio os 150.000 euros previstos nesta partida, que apoia a edición de libros de texto na nosa lingua, marcan unha mingua do 40% a respecto do ano anterior. Canda a isto, o apoio á edición conta con 210.000 euros para empresas privadas e outros 428.460 baixo o epígrafe “Edición do Libro en Galego”, que o ano pasado tiña 500.000. Destas partidas suponse que sairán as convocatorias anuais para grandes proxectos editoriais ou traducións. A nivel de promoción, o sector editorial contará con 150.000 euros para asistir feiras internacionais (28.000 euros menos do que o pasado ano) e outro tanto para as feiras do libro que se celebrarán no noso país. A estas medidas as previsións da Consellaría suman 210.000 euros en iniciativas de promoción da lectura, ás que se suman os 600.000 euros destinados á adquisición de lotes de libros para bibliotecas. Este importante apoio para as editoras galegas vese reducido en 50.000 a respecto de 2013.

Terceiro sector
O orzamento destinado a asociacións sen ánimo de lucro e entidades culturais do país rexistra este ano un total de 601.422 euros, que se suman a 60.100 euros de “axudas a institucións culturais”. Comparados cos 829.795 euros da primeira destas partidas do pasado ano, resulta evidente a mingua. No entanto, esta contía non reverterá directamente nas convocatorias de subvencións para asociacións e fundacións, xa que parte da mesma pode dedicarse a convenios e outro tipo de apoios. Así, xa no pasado ano unicamente se distribuíron 350.000 euros nunha convocatoria de subvencións ás actividades de asociacións e fundacións. Débese ter en conta, de calquera xeito, que en diferentes programas como no de arquivos, lingua ou ensino, existen partidas, aínda que de moita menor contía, orientadas ao terceiro sector

Bibliotecas e museos
A retirada de fondos para adquisicións non é o único recorte que sufrirán as bibliotecas neste 2014. A sumar todas as partidas, o programa de Bibliotecas, Arquivos, Museos e Equipamentos Culturais conta para 2014 con 14.726.861 euros, nada menos de 772.000 euros menos dos asignados en 2013. Dentro do mesmo programa, a nivel de museos, tampouco hai moi boas novas, malia a que un dos poucos apartados que medran é o de actividades de difusión nestes centros, que pasan de 343.000 e 443.000 euros. Fronte a isto, a Fundación Museo do Mar, sendo unha das máis beneficiadas nos orzamentos este ano cunha achega de 730.000 euros, descende no seu soporte económico en máis de 200.000 euros a respecto de 2013. Manteñen o nivel de investimento público a Fundación Camilo José Cela, que obtén 257.294 euros para o vindeiro ano, ou o Museo do Pobo Galego, que contará cuns 297.000 euros das arcas públicas para o seu funcionamento. A Real Academia de Belas Artes Nuestra Señora del Rosario pola súa banda recibirá 40.000 euros e outros 30.000 irán para o Real Padroado de Sargadelos. Pola súa banda, os problemas económicos que está a sufrir o MARCO de Vigo pode que se incrementen este ano, xa que a Consellaría prevé reducir a súa achega anual á Fundación Marco de 140.000 a 100.000 euros.

Patrimonio
No campo do patrimonio verifícase un acusado descenso de nada menos que 890.000 euros, que deixa en 15.320.806 euros o orzamento para o conxunto destes programas. Unicamente a partida destinada ao convenio coa Igrexa para a protección do patrimonio histórico artístico mantén os 120.000 euros de 2013. Canda a isto, aparece unha contía de 300.000 euros dedicada a pinturas murais e retablos, que reverterá previsiblemente en templos. No resto, todo son descensos. As axudas a outras entidades para conservación e protección baixan de 60.000 a 10.000 mentres que o apoio a entidades locais afúndese de 958.000 euros ata 380.000. De xeito aínda máis agudo, o investimento previsto en “Intervencións no patrimonio cultural e nas infraestruturas culturais” pasa de 3.053.680 euros a só 782.981. No entanto, unha nova partida de 1.858.000 euros dedicada a intervencións en edificios semella que pode paliar esta mingua.

De xeito paralelo, as intervencións arqueolóxicas con apoio público descenderán considerablemente, xa que este ano o apartado conta con 25.000 euros fronte aos 50.000 de que dispuña o pasado ano. Tampouco hai boas novas para as medidas de protección de xacementos arqueolóxicos, xa que a partida mingua de 244.000 a 170.000 euros. Do mesmo xeito, haberá 200.000 euros menos para proxectos de inventariado e de catalogación. Os 382.721 euros destinados á adquisición de bens culturais redúcense en 3.000 euros a respecto de 2013.
Os datos da reportaxe nos orzamentos da Consellaría de Educación e Cultura (anotados).