Cineasta por vocación

As homenaxes a Roberto Vidal Bolaño relegan a un segundo plano a súa faceta cinematográfica

Roberto Vidal Bolaño en <i>Sempre Xonxa</i>
Roberto Vidal Bolaño en Sempre Xonxa
Non é ningunha sorpresa afirmar que Roberto Vidal Bolaño (1949-2002) sempre quixo ser un cineasta. De feito, foron razóns cronolóxicas as que o impediron. “Cando ía estudar cine pechou a escola en Madrid e el sabía que en Galicia iso era un imposible” asegura Roi Vidal Ponte, o seu fillo, que está a elaborar unha biografía sobre a súa figura. Pero era un home teimudo e, na medida que puido fixo a súa contribución ao audiovisual galego. Aínda que esa faceta é a menos recoñecida neste ano que se recupera a súa figura tras serlle dedicado o Día das Letras Galegas.

“É certo que prima a súa dimensión teatral pero hai outra tan poderosa como é a súa dimensión como autor” asegura Antón Dobao. Para el “é un actor do sistema literario que enfía, por volumen e por profundidade, tanto a faceta dramática como a audiovisual”. Dobao está agora mesmo na escolma do material do último volumen que pechará a edición das obras completas da súa obra e que se centrará precisamente na faceta audiovisual. Aínda que o proxecto está aínda nun estadio embrionario revela que “tiña moitos proxectos que non foron adiante, guións de episodios pilotos, de series… de produtos audiovisuais que ao final non se cristalizaron”. Material que gardaba na súa casa e que agora revisa Dobao.

Na súa opinión, a participación de Roberto Vidal Bolaño como membro do equipo Lupa “serviulle para adquirir experiencia e para entrar nesa forma de contar que sempre lle produciu paixón”. Pero esa querencia viñalle sempre, “desde pequeño que acodía a ver os filmes de John Ford “ asegura Roi Vidal. No marco da Asociación Cultural O Galego xestouse o grupo Lupa no que un grupo de mozos, entre eles Euloxio Ruibal e Félix Casado, quixeron tentar ser cineastas e onde con equipos de Súper 8, rodan películas sobre o país con temáticas que van do puramente etnográfico á busca creativa de pequenas historias. O corpiño, A rapa das bestas ou Holocausto son algúns dos títulos desta etapa que foi esmorecendo por si soa e abriu paso ao teatro.


O audiovisual re-coñecido
A aparición da TVG abriu a finais dos oitenta a posibilidade de crear un sector audiovisual galego propio. “Foi daquela cando tiño expectactivas lóxicas, porque el xa tiña experiencia como actor e director de escena” explica Antón Dobao. A pesar dese coñecemento profundo da linguaxe audiovisual “ningunha produtora audiovisual pensa que Roberto pode achegar nada e non lle ofrecen gran cousa” explica. Pero el encaixa ese imposible e aborda o sector doutra maneira. Dobao lembra que “el entra a traballar no mundo da dobraxe como director astístico e como actor de dobraxe e ve niso unha posiblidade de conexión de elaborar produtos audiovisuais”. Malia que el sempre considerou que era máis autor que actor, é a súa faceta como actor a máis recoñecida.

Como actor participou en Sempre Xonxa, o filme de Chano Piñeiro no que fixo o papel de Don José Luis. Despois fixo incursións en Un café de ollos verdes (1992), A fonte da idade, A noiva de medianoite (1997) como Pedro, A lingua das mariposas (1999) como Boal ou a curta Amor serrano (1999) como Amadeo. No seu currículo tamén hai seriais, xa que traballou en varios capítulos Mareas vivas(TVG) e na Brigada Central (TVE).

Como autor fixo a súa primeira incursión no mundo audiovisual en 1987 co proxecto O novo de Parmuide, baseado nun texto de Álvaro Cunqueiro. Producido por Xosé Xoán Cabanas Cao, contou no elenco con Nacho Castaño, Susana Dans, Manuel Lourenzo, Xaquín G. Marcos, Pancho Martins, Víctor Mosqueira e Laura Ponte. “Era un episodio piloto de textos de Cunqueiro” lembra Dobao. Nesta liña tamén se implicou no proxecto da produtora Olympus Comunicación (entre 1989 e 1993) xunto con Carlos Gey, a quen coñecera por mor da dobraxe. Da súa factoría saíu o programa de ficción Morosos varios. Unha serie de ficción para a toda a familia que fracasou porque chegou moito antes do boom das teleseries de ficción.

Foi o propio Antón Dobao quen, como director do proxecto “Un mundo de historias”, lle encargou a Roberto Vidal Bolaño o guión de dous episodios que integraba adaptacións de contos da literatura galega. “Traballou sobre un conto de Blanco Amor O noxo e outro de Ánxel Fole Cara de lúa, que tiña ese ton sarcástico e humorístico que tanto caracterizaba os personaxes de Roberto e os seus textos”.

Tivo que ser anos despois da súa morte cando unha produtora galega, Filmanova, decidiu recuperar un dos seus textos. Cunha axuda a produción de Agadic, que lle concedeu 300.000 euros, a factoría dirixida por Antón Reixa, conta a historia de Valeriano (Xosé Manuel Olveira “Pico”), vello cura, experto en vivir do conto, lastrado por feridas de guerra invisibles e a Cañete (Xosé Antonio Durán “Morris”), tísico e compañeiro accidental do vagamundeo do primeiro. Ambos viven no vello hospital Real de Santiago, que o franquismo baleira para converter en hotel de luxo.

Foron as circunstancias vitais as que o levaron por outros camiños, moi diferentes do que tiña sido o seu interese. Pero todo rezumaba cine. Unha das súas obras centrais, Días sen gloria, lembra o seu fillo Roi, “é unha homenaxe ao cine e así o presentou ao Rafael Dieste baixo o pseudónimo de “John Huston” é unha homenaxe á Raíña de África”. Dobao vai máis alá e cre que “Se un le calquera das súas pezas dramáticas pode apreciar que a súa estrutura é puramente cinematográfica”. Todo nel era cine.

Unha recuperación
Este ano, coa celebración do Día das Letras Galegas o Centro Galego de Artes da Imaxe ten a intencionalidade de recuperar películas en formato Súper8 dos traballos experimentais que Roberto Vidal Bolaño desenvolveu no marco do grupo Lupa. Un traballo que implicaría a restauración e dixitalización dese tipo de traballos máis a súa proxección e difusión de traballos descoñecidos sobre o propio Roberto Vidal Bolaño.