A escolma dos cantares (I)

Unha exposición recrea en Vigo a importancia histórica e cultural de Cantares gallegos

A primeira edición de Cantares gallegos custaba 16 reais. Un prezo moi elevado para a época porque daquela con eses cartos se podía mercar un quilo de carne, de garavanzos e de viño. Con todo, Rosalía de Castro e Manuel Murguía aproveitaron os seus círculos para darlle saída a súa obra. Unha peza literaria que marcou o inicio de todo o que chegaría despois para o desenvolvemento do país. No principio foi o verso é a mostra que documenta ese punto de partida e que revisamos da man de Pepe Barro, comisario e deseñador.

“Non foi só un feito literario. Era a celebración do principio da Galicia contemporánea, do que somos hoxe (partidos políticos, a lingua sígno e símbolo...) todo iso foi grazas ao esforzo intelectual do Rexurdimento galego” explica Pepe Barro a propósito do obxectivo último desta exposición. Toma o seu nome dun artigo que escribiu Álvaro Cunqueiro no xornal El Sol na véspera do plebiscito do Estatuto de Autonomía de Galicia. “Explicita que todo iso empezou cun verso, na importancia do libro, alén de ser emocionante e divertido, pero é tamén o alicerce da nosa cultura”. A Fundación Rosalía de Castro, a Real Academia Galega, que ten gran parte dos fondos, a Universidade de Vigo, o concello olívico, a Xunta de Galicia, A Fundación Barrié e o Consorcio da Zona Franca colaboran neste proxecto.

Morteiro da antiga botica de José María Chao
    

Fonte da Fundación Penzol



Chao é o verdadeiro petrucio do progresismo vigués a mediados do século XIX e na súa botica, establecida en 1826 na praza da Constitución esquina a Sombrereiros, é o faladoiro máis influínte da cidade, o lugar onde se arman as batallas pola causa da liberdade e a democracia. É o pai de Eduardo Chao, que será ministro na I República Española (1873) e de Alejandro Chao, o promotor e administrador primeiro de La Oliva e futuro libreiro e editor galego desde a Habana. Unha das fillas do boticario casa con José Manuel Fernández “Carballo”, presidente do partido dos progresistas en Vigo e mecenas que financia La Oliva-El Miño e mesmo a imprenta de Compañel. O editor de Cantares gallegos casa tamén á súa vez con outra filla de Chao.
O morteiro permaneceu no faiado do Pazo de Zustiza de Vigo por máis de cen anos, ao ser requisado como proba nun xuízo ao boticario, acusado de fabricar nel unha carta bomba que lle levou unha man ao xeneral absolutista Eguía, Capitán Xeneral de Galicia. Chao foi absolto da acusación. O morteiro foi devolto por mediación dun xuíz que llo legou a Luca de Tena, o último boticario que rexeu a a botica.

La Oliva-El Miño (1856-1873)


(Pezas expostas da Real Academia Galega)

Alejandro Chao, Juan Compañel e Manuel Murguía conciben en Madrid o proxecto dun novo xornal, recadando o apoio financeiro dos progresistas de Vigo, que precisan un voceiro contra o conservador Faro de Vigo, fundado en 1853. Velaí un proxecto editorial que dará cabida a unha xeración que ve xa naquel remoto territorio do noroeste de España un pequeno país de Europa chamado Galicia. La Oliva-El Miño serán os voceiros dunha xeración de galeguistas liderada por Manuel Murguía, unha xeración que é a de Rosalía.
Durante dezasete anos, Juan Compañel estará á fronte do proxecto, como editor, director e impresor establecido na rúa Real de Vigo. Paralelamente, nos talleres do xornal, Compañel comeza un labor de editor, case sempre tamén, ligado ao seu ideario galeguista, como é o caso dos Cantares gallegos de Rosalía de Castro.

Alborada de Rosalía de Castro por Mercadillo


A Música da Alborada provén do Arquivo da Deputación de Museo de Pontevedra. Na fotografía (Fonte da Real Academia Galega) o que canta é o segundo pola dereita.


Nesta gravación histórica pódese escoitar ao tenor pontevedrés Vitor Cervera Mercadillo, un dos integrantes do coro Aires da Terra de Perfecto Feijoo. Trátase da interpretación da Alborada de Rosalía de Castro, tal como se estreou hai un século, segundo as reconstrucións da música que realizaron o musicólogo Casto Sampedro ou o animador cultural Perfecto Feijoo. Neste poema, Rosalía declara seguir un procedemento diferente ao resto das composicións dos seus Cantares. Se no resto do libro Rosalía usa as letras dos cantares populares como pretexto das súas composicións, na Alborada é unha música tradicional, unha peza que toca o gaiteiro de Lestrove Clemente Eiras, a que dá pé a Rosalía para a súa simbólica Alborada.
A principios do século XX, os pontevedreses Casto Sampedro e Perfecto Feijoo, fixeron cantar a Alejandra, a filla máis vella de Rosalía e mesmo a parentes e veciños da escritora na procura da auténtica Alborada. Nunca se puxeron de acordo sobre cal sería a música que cantaba Rosalía.


O libro Cantares gallegos, tal como saiu da imprenta de Compañel

(Peza da Biblioteca Municipal de Estudos Locais da Coruña)



Móstrase un dos escasos exemplares que se conservan tal como saiu do prelo, o que permite coñecer a contraportada, con anuncios doutras publicacións do editor, como o Diccionario de escritores gallegos de Murguía ou o propio xornal El Miño. No lombo figura o seu prezo de venda, 16 reais, un custe alto se temos en conta que a media dos salarios dunha fábrica viguesa en 1863 é de 8 reais por día traballado. A finais do século XIX con 16 reais pódese mercar 1 kg de carne, 1 kg de pan, 1 kg de garavanzos e 1 litro de viño.


Manuscrito autógrafo de Rosalía con cantares populares



(Peza do Arquivo Histórico Municipal da Coruña)

Son poucos os manuscritos autógrafos de Rosalía que se conservan. No seu leito de morte, ela mesma pediulle ás súas fillas que queimasen todos os seus papeis. A exposición consegue reunir seis autógrafos relacionados con Cantares gallegos; cinco son apuntamentos de cantares populares, como é o caso desta peza, e un mostra un fragmento dun poema incluído por Murguía na terceira edición da obra, xa finada a escritora.
Os cantares anotados neste prego foron utilizados por Rosalía en varios dos seus poemas como “Adiós ríos, adiós fontes”, “Pasa, río, pasa, río”, “Nasín cando as prantas nasen” ou “Cando a lumiña aparece”.