O retorno ao recital (III): Os festivais

Citas xa clásicas no calendario manteñen o facho da poesía recitada

V Semana da Poesía Salvaxe de Ferrol. Foto: Organización.
V Semana da Poesía Salvaxe de Ferrol. Foto: Organización.
Dentro da axenda dos afeccionados á poesía do noso país, hai unha serie de citas que xa se constituíron e clásicos. Trátase de festivais nos que se concentra un bo número de autores e que teñen no recitado o seu eixe. Desde os eventos máis veteranos e masivos, como o Festival de Poesía do Condado, ata propostas relativamente recentes, como Ponte Poética, a pluralidade de voces e o interese pola palabra falada preséntanse como eixes comúns destes encontros.

Son eventos que concentran nuns poucos días un bo feixe de recitais. Segundo os casos, a poesía falada combínase con performances, obradoiros, concertos, mostras ou videocreacións, sempre tomando a poesía como base. Malia a que se fala de que é un xénero literario para minorías no noso país existen varias destas citas, que configuran unha axenda que brilla pola súa calidade fóra das nosas fronteiras e que conta cun nutrido público.

Fusión e autoxestión no Condado
Unha cita imprescindible e orixinal no panorama poético galego é o Festival de Poesía do Condado, que encara este ano a súa vixésimo sétima edición en Salvaterra. Coa lírica como fío condutor, o evento que organiza a Sociedade Cultural e Deportiva do Condado achega audiovisual, exposicións ou música. Segundo explica Lara Soto, unha das organizadoras do evento, “nós consideramos que a poesía non debe ir á parte doutras artes, que cómpre darlle voz e achegarlla á xente. Tentamos amosala como unha arte máis que se fai en Galiza, e entón o que oferta o festival é un conglomerado que parte da poesía para amosar a cultura en todas as súas vertentes”. Esta fusión consegue unha grande participación de público que dispón mesmo dunha zona de acampada.

A nivel mais puramente poético, o número de recitadores oscila entre a vintena dos anos máis concorridos ata os 13 ou 15 que visitan o evento de xeito habitual. “Ata hai dous ou tres anos adoitábamos contar con poetas doutras linguas, e viñeron moitos poetas cataláns ou vascos. Nos últimos dous ou tres anos acordamos centrarnos en poesía en galego, entendo como tal toda a que se fai na lusofonía. Tamén coa música tentamos reivindicar os grupos de aquí”. Malia as dificultades económicas que están a bater con forza na nosa cultura, o evento prevé continuar cunha ampla base de voluntariado e autoxestión. Segundo confirma Soto, “desde o ano 2008 as axudas foron caendo, e hoxe contamos cun pequeno apoio a nivel autonómico e mais unha axuda do concello, tamén moi miúda. Entón desde hai uns anos o programa baséase fundamentalmente no traballo que facemos desde a Sociedade recadando fondos con publicidade, ceas concertos e outras propostas”. O falecemento recente de Manolo Soto, activista que durante anos levou boa parte da organización do evento, déixase sentir na SCD do Condado. “Este ano a organización é aínda máis un reto. Temos algo de medo pero collémolo con moita gana e forza e xa comezamos as actividades para recadar fondos”. A cita está prevista para os días 30 e 31 de agosto e mais o 1 de setembro”.

A poesía na rúa en Ferrol
Outro evento que conseguiu colocarse como unha referencia no campo dos recitais nos últimos anos foi a Semana de Poesía Salvaxe de Ferrol, que encara neste 2013, entre os días 24 e 27 de abril, a súa sexta edición. Segundo explica Karlotti, un dos promotores do evento, “a intención coa que naceu esta cita foi en primeiro lugar pór a palabra na rúa. Co tempo, a lóxica do evento levou á comuñón coa música e outras actividades. Pasamos da pureza dun primeiro momento ao encontro da música coa palabra, e entón fanse recitados, performances e postas en escena máis ou menos elaboradas”. Dentro da perspectiva de popularización, son rúas, prazas, pubs ou mercados os escenarios onde transcorren os recitais e presentacións do encontro.

Para alén de buscar a popularización da poesía, a Semana conecta os creadores galegos, que teñen no encontro unha cita habitual, con autores doutros lugares do estado. “Hai unha relación con xente de León, Valladolid, Bilbao, Estremadura ou Madrid, e sempre cun soporte fixo de xente de Galicia. O Leo, María Lado ou Lucía Aldao están moi vinculados a esta cita, con grande xenerosidade. Este ano contaremos tamén con Séchu Sende, en breve daremos a coñecer o programa completo”. Nos tempos que corren, a cita sobre, como non, o embate da crise, e puxo en marcha un crowdfunding, que está a rematar o prazo, para contribuír ao financiamento da nova edición. Son, publicidade e aloxamento e gastos dos participantes será o destino do groso dos cartos. Ademais, quérese financiar coas achegas do público parte da edición dun libro que compilará o traballo dos poetas que participaron no evento ao longo deste seis anos e que verá a luz en outono da man da asociación Fuco Buxán. Dun xeito ou doutro, segundo asegura Karlotti, “independentemente de como saia o crowdfunding, a semana non correrá perigo. De feito para esta xeira contaremos co dobre de xente que en edicións anteriores, moitas persoas nos contactaron porque querían estar aquí e participar. Para nós é algo moi satisfactorio aínda que ao tempo estamos algo desbordados. De calquera xeito, o problema do diñeiro é relativo, un poeta non precisa dos cartos para escribir, e aínda que estamos en tempos escuros, pódense facer cousas”, explica.

A busca da excelencia en Ponte Poética
Tamén neste mesmo mes se celebrará en Pontevedra a terceira edición de Ponte Poética, un evento que reúne no Teatro Principal da Cidade creadores en varias linguas en recitais ao modo máis clásico. “A intención é facer un pouco da cidade o centro da poesía galega”, explica Antón Sobral, que organiza desde o Ateneo, en colaboración co Concello, este evento. “Vimos que a cidade carecía de eventos distintivos como poden ser festivais de ópera ou de cinema, e entón pensamos na poesía, que resulta máis barata, e tentamos traer os mellores poetas das distintas linguas de España e tamén do estranxeiro”, sinala. Coa busca da excelencia literaria por bandeira, o evento consegue un grande éxito de público, con recitais en linguas orixinais que se subtitulan traducidos en pantalla ao vivo. “Aínda que o formato adoita ser o dun recital clásico, buscamos a amenidade dos actos. En xeral todos os poetas que veñen desenvolven actuacións que chegan moi directamente ao público, non son nada aburridos e en xeral acadamos encher o Teatro e a xente queda contenta”. Logo de concentrar a actividade neste espazo nas primeiras edicións, neste terceiro ano o evento estende a súa actividade pola cidade, achegando os poetas participantes aos institutos locais e artellando eventos como unha performance nun pub local. Desta volta, o evento desenvolverase entre os días 19 e 21 de abril e contará coa presenza de Roger Wolfe e Michel Lanseros en castelán, Diel Mesquida en Catelán, e Kirmen Uribe en vasco. desde Galicia acudirán Claudio Rodríguez Fer, Marta Dacosta, Lino Braxe e María do Cebreiro. De Portugal participará Rosa Alice Branco e Claudio Ozzani achegarsae desde Italia.

Sobral é tamén responsable, con Yolanda Castaño, de Imán de Palabras, un ciclo que organizan en colaboración coa Deputación provincial e que arrinca este mesmo venres cinco cun recital de Dores Tembrás, para seguir cun obradoiro no Museo de Pontevedra durante a fin de semana. “Trátase dun formato diferente, no que traemos catro grandes poetas ao ano, dous galegos e dous de fóra”, explica Sobral, a incidir en que “tentamos traer sempre os mellores do panorama estatal. Tivemos a Luís Alberto de Cuenca, a Luís Eduardo Aute ou a Luís García Montero, por exemplo”.

As voces mesturadas do Brumario
Por se fose pouco, a Capital do Lérez conta aínda con outro festival poético. A Fundación Cuña-Casasbellas celebrará este ano a novena edición do seu Brumario Poético, que se desenvolve en torno ao mes de novembro, tamén co Teatro Principal como escenario. Como noutros casos, a pluralidade de voces é de novo neste proxecto un eixe de importancia. Segundo explica Miguel Cuña, responsable do proxecto, “viñeron poetas de España, Marrocos ou Guinea Ecuatorial, como Justo Bolekia Boleká. Tamén veu Gamoneda”. Segundo lembra, “as xornadas comezaron en 2005 e están dedicadas a Jorge Cuña e mais ao seu pais Manuel Cuña Novás, que inspiran a fundación”. Deste xeito, en todas as edicións resérvanse dous recitais en cadanseu día para as obras destes dous escritores. Canda a esta peculiaridade, o encontro conta tamén coa perspectiva de integrar diferentes artes no feito poético. “Hai recitais musicais, mesmo composicións específicas para o Brumario. Tamén se fan espectáculos de danza, exposicións ou montaxes de vídeo. Tentamos que sexa unha intervención de todas as artes baixo o manto poético”. A proposta consegue congregar preto dun cento de persoas en cada edición.

Máis poesía no menú
Encol da situación da poesía no país, en xeral os responsables destes eventos son optimistas. “O público aumenta cada ano”, apunta Jorge Cuña, “quizais a poesía non sexa un espectáculo de masas pero si que resulta un acontecemento fundamental na cultura”. O incremento no interese por esta arte compróbano tamén desde a organización do Festival do Condado. Lara Soto apunta que “aínda que temos un público fiel desde hai moitos anos, que se move desde todo o país para asistir, trátase en boa medida dun público que comparte a orientación política do festival, que sempre estivo atento a situación do social do seu momento. No entanto, nos últimos dous anos estamos a ver que medrou o número de xente nova que se achega e se interesa polas actividades, apoiando tanto o festival como as reivindicacións puntuais que fan desde el”. Karlotti, desde Ferrol, salienta que na actualidade “temos xente que é totalmente asombrosa, poetas que poñen a palabra a voar cara a fóra”, e salienta a cidade duns creadores que achegan unha grande calidade ao reciclado. “María Lado ou Lucía Aldao non son só poetas na escrita, teñen unha grande forza cando a len, e ese é un fenómeno moi potente en Galicia”. Coincide con el Sobral, quen sinala que no país “hai un renacemento moi grande da poesía, sobre todo por parte de mulleres novas que pegan forte como María Lado, Lucía Aldao ou Olalla Cociña. En xeral en Galicia hai unha potencia moi forte a nivel poética, e non o digo eu só Gamoneda ou García Montero alucinan con nivel da poesía que se fai aquí”.