Irreverencia

As compañías recorren aos clásicos e ao humor nesta temporada teatral

Son malos tempos para o sector cultural. As cifras de emprego cultural, de contratacións, coas redes de distribución paradas no primeiro trimestre agochan un panorama complexo. Con todo, nas súas montaxes, as compañías falan de soños, de ilusións, de proxectos por vivir. Revisamos as tendencias temáticas e argumentais dos vindeiros María Casares, os premios do teatro galego.

As obras que acumulan un maior número de candidaturas comparten un denominador común, que sentan as súas fontes en textos clásicos ou xa coñecidos que adaptan para os seus espectáculos. É o caso da gran favorita, Sarabela que coa súa aposta de Viaxe a ningunha parte pretende facer unha homenaxe a Fernando Fernán Gómez. A súa obra foi adaptada para teatro e mesmo para cine e televisión en varias ocasións, ofrecendo a compañía ourensá unha visión moi persoal dun texto que fala, en palabras da súa directora, Ánxeles Cuña, “duns cómicos da legua que querían levar é un respiriño nunha sociedade marcada pola miseria e a fame, nun marco referencial impresionante con moita importancia antropolóxica social e artística… hai tenrura, riso, pranto, amor e morte… moitos sentimentos e emocións que se van enfiando nesta peripecia, e que ao final pode descubrir cal é o derradeiro sentido da viaxe".
Tamén é o caso de Talía Teatro que en O método Grönholm propón unha nova versión escénica da popular obra de Jordi Garcelán (por certo, tamén adaptda para o cinema e para as táboas). O seu director, Xulio Lago, apunta que se traba “dunha comedia, un xogo dramático perverso que xoga coas emocións, cos sentimentos… co que faga falta en prol dos resultados” pero tamén un “espectáculo que xoga cun elemento fundamental coa mentira, a manipulación, a utilización dos datos dunha maneira interesada para conseguir uns resultados que é o acontece cada día en diferentes contextos”.

O texto interpretado por Talía Teatro garda moita relación co contexto actual, como tamén o é o caso da aposta do Decamerón preparada por Cándido Pazó. “Se na Florencia do século XIV, os mozos se refuxiaron nunha quinta para fuxir dun andazo, a nosa, aquí e hoxe, é a peste económica” explicaba un Pazó que conta este texto cunha sorte de xénero dramático que mestura teatro e narración oral.
Dos clásicos tamén parte Voadora, a outra gran favorita desta edición dos María Casares co seu Tokio 3 (finalista tamén aos premios Max como mellor espectáculo revelación). Toma como punto de partida La Divina comedia de Dante, entre outros textos, pero para esmiuzalos un pouco. “É posible que moita xente pensé que estamos desmontando os clásicos” apuntaba Marta Pazos na rolda de prensa de presentación do espectáculo en Santiago.


Textos de e para teatro
Canda estes hai tamén obras de teatro escritas e pensadas como textos teatrais. É o caso de O profesional de Dusan Kovacevic, que fala dun país esfarelado en descomposción, nunha historia de espías no contexto da Serbia unha década despois da morte de Tito. A adaptación desta obra fíxoa Manuel Guede hai anos para a compañía de Teatro de Braga e recuperou todo ese traballo feito, escenografía incluída, para poñelo á fronte do Centro Dramático Galego. E o propio Guede asina o texto da Función do Tequila, baseada nun feito real, que conta a historia de María Docampo, secretaria de castelao en Nova York, en 1938. O texto foi galardoado co premio Rafael Dieste en 2011 e agora actor protagonista (Manuel Manquiña) e actriz secundaria (Luisa Merelas son finalistas.

Moita hibridación
Non é algo novo, pero a mestura de xéneros comeza a ser algo moito máis común que nunca nas obras escénicas galegas. Cándido Pazó fixo unha narración oral que implica teatro, oralidade e un pouco de música para darlle máis riqueza ao texto. Ou a aposta de Voadora, sempre anegada dunha amalgama creativa composta a base de música, teatro e moita arte. Ou a influencia cinematográfica que Alex Sampayo lle traslada as súas obras. Cada vez máis, as fronteiras entre xéneros caen na procura dun espectáculo mellor.