As editoras galegas editaron 2.156 títulos en 2011

Medra o número de títulos pero diminúe a facturación do sector

O informe de comercio interior do libro en Galicia 2011, que presentaban onte a Consellaría de Cultura e mais a Asociación Galega de Editores amosa un panorama de crise para o sector. Neste tempo, as firmas galegas de edición incrementaron nun 2% a súa produción de títulos, chegando aos 2.156 e reduciron as tiraxes correspontentes (situadas nunha media de 1.560 exemplares por título) nun 1,8%. No entanto, isto deu nunha maior produción neta no número de libros que chegaron ás librarías, o que contrasta cun descenso na facturación. En total, as vendas de 2011 foron de 1.949.256 exemplares, cunha facturación total de 27,16 millóns, un 14% menos que en 2007.

Ao tempo, detectouse un importante descenso do 25,8% no número de postos de traballo no sector, baixando a media de traballadores por empresa de 7 a 5 no ano estudado. Canda a isto, afúndese tamén a cifra de colaboradores externos por empresa.




Medra para o sector a importancia do libro de texto, que supón o 45% da facturación e mais a literatura infantil e xuvenil, que achega o 18,6%. De todos os libros que se venden en Galicia, só un 16,1% sae das empresas editoriais do país e un 13,1 % están na nosa lingua.

Informe o Comercio Interior do Libro en Galicia 2011.
Datos do Informe sobre o Comercio Interior do Libro en Galicia 2011 no web do Observatorio da Cultura.