A edición galega medra en títulos e diminúe en tiraxes

O crecemento editorial correspóndese á edición de folletos, mentres a de libros diminúe

A crise fíxose notar no mundo editorial en 2011, segundo os datos que publicaba onte o Instituto Nacional de Estatísica. Mentres a nivel estatal a edición se reduciu de xeito histórico, cun 24% menos exemplares, en Galicia deuse un descenso do 14% na mesma magnitude. Fonte a isto, o número de títulos, entre libros e folletos que se editaron na nosa comunidade, mendrou un 3,2% a respecto de 2010, chegando ás 2.866 obras. Destas, 2.371 foron libros, o que supón un descenso neto fronte aos 2.788 de 2010, polo que o incremento conxunto dos datos correspóndese a unha maior edición de folletos. Desde 2008 verifícase, segundo estes datos, un descenso continuo nos libros editados en Galicia.

Do total de obras editadas no estado, as 1.430 que saíron en galego suman o 1,9%. Isto supón un crecemento mínimo do 0,1% a respecto de 2010, en que se editaron 1.429 títulos na nosa lingua. Este incremento destaca fronte aos descensos da edición en catalán (1,2% menos obras)e euskera (8,7%) de diminución, sempre falando da suma de libros e folletos.

O Observatorio da Cultura do Consello da Cultura publicará en breve a explotación dos datos do INE sobre edición correspondentes a Galicia.