Tres galerías galegas estarán presentes na vindeira edición de ARCO

Trinta, Bacelos e Ad Hoc acoden á feira que este ano ten a Turquia como país convidado

Trinta, Bacelos e Ad Hoc conforman a representación galega da vindeira edición de ARCO, a feira de galerías máis importante do Estado. As tres estarán no programa xeral, no que cada unha centrará a súa aposta nun único artista, tal e como establece o carácter da feira. Trinta centrarase na pinturaTeo Soriano (Mérida, 1963) mentres que Bacelos opta por David Ferrando Giraut (A Coruña, 1978) e a súa fascinación polas cualidades fantasmais das tecnoloxías audiovisuais. Ad hoc aposta pola reflexión do espazo e as relacións cos seus habitantes de Rubens Mano, que reproduce a partir da natureza e as construcións.

Hai máis presenza galega neste encontro, xa que Manuel Segade é o comisario de “Opening: novas galerías, sección dedicada a galerías internacionais que conten cunha traxectoria inferior a sete anos. A cita, en Madrid, do 13 ao 17 de febreiro. Falta aínda por ver a oferta galega presente en Justmad e ArtMadrid, encontros que se desenvolven nas mesmas datas e nas que adoita haber artistas e proxectos artísticos galegos.