Os festivais fanse pequenos

As grandes citas musicais reservan espazos e programacións para os pícaros

Actividades para nenos no Lolapop. Foto: Lolapop Festival
Actividades para nenos no Lolapop. Foto: Lolapop Festival
Os grandes festivais só para adultos pasaron á historia. Agora a fórmula pasa por achegarse aos máis pequenos da casa, introducilos na música… ao tempo que lle permiten aos seus pais participar en familia dun encontro apto para todos. Music Way, Lolapop e o Sinsal son algúns dos festivais que levan, con máis ou menos tradición, se sumaron un oco a este formato.

“Máis que unha tendencia é unha necesidade, unha forma de achegarse ao público familiar e, ademais, sortear a crise” explica Farruco Castromán, un dos promotores de Music Way. Malia a que a primeira edición se bautizou como Rock in Way, a segunda entrega chega con novidades no seu formato entre as que destaca unha sesión especial para nenos. Non é un camiño novo en Galica, xa que a proposta leva tempo funcionando durante varios anos no Lolapop e porque o Festival Sinsal decidiu incorporalo ao programa da cita que organiza na illa de San Simón. Agora ben, cada quen ten as súas singularidades, a súa forma de facelo aínda que comparten unha filosofía común.

Compartir un mesmo propósito
“Constatamos que moitos dos seguidores, que medraron con nós, teñen fillos e queremos que gocen en familia de algo que comparten” explicaba Luis Campos a propósito do Festival Sinsal SanSimón que xuntou na illa pontevedresa a padres e pequenos en actividades e concertos de pequeno formato. Farruco Castromán explica que o Music Way incide sobre todo nese aspecto enriquecedor de compartir un público familiar xa que “non se trata tanto de fidelizar públicos, xa que o destinatario das nosas actividades terá entre 6 ou 10 anos e de aí a que poida asistir de seu a un concerto xa pasaron moitos anos”.
Moito máis tempo leva o Lolapop vendo que o feito de integrar ao público máis novo na programación ten bos resultados. “non hai máis que ver a cola de rapaces que tivemos esta fin de semana para tocar unha batería ao rematar o concerto para ver que aos nenos lle interesa” explica Arturo Fernández, da organización deste encontro que este ano se trasladou a Redondela tras catro edicións. “O obxectivo de chegar a música aos nenos e que o vexan como algo próximo e posible e que se vaian familiarizando coa música, cos concertos e con esta dinámica” puntualiza. Na súa opinión “trátase de facilitarlle o traballo aos país e que os nenos vexan ao mesmo tempo, que é un concerto de música”.

Optimizar o tempo, conxugar familia e música son os tres ingredientes das programacións que teñen fórmulas ben diferentes, así como diferentes son tamén os estilos e formatos de cada encontro. Unhas citas que, para os seus promotores, están en continua transformación e buscando novas posibilidades.

Diferentes formatos, diferentes posibilidades
“Tendo en conta que nós tamén nos dedicamos ao cinema, tería sido fácil facer proxeccións, pero buscamos un aspecto lúdico e moito máis relacionado coa música. Por iso preparamos obradoiros de picadiscos, de composición musical, de karaokes… moi vencellados a música” explica Farruco do Music Way. E, por suposto, terá tres actuacións músicais para todo tipo de públicos con “Mamá Cabra para nenos máis pequenos, Alondra Bentley para un público máis adulto e Brodas que é moi bailable” puntualiza. A súa fórmula pasa por integrar o encontro no mesmo día do festival (o sábado 29).

Este era o mesmo formato que o Lolapop desenvolveu durante tres anos consecutivos, pero este ano os seus organizadores decidiron adiantalo nas datas con respecto ao festival. Arturo Fernández explica que “está tan recente (a cita desenvolveuse este sábado 1 de setembro) que aínda non temos moi analizado o éxito e pensamos, como nos acontece todos os anos, continuar mellorando e perfeccionando”. A súa estratexia pasaba por concertos en formato acústico, non moi ruidosos, nos que os músicos se integraran cos rapaces. “Fixemos tamén un par de actividades, un obradoiro de debuxo e outro de vídeo no que os rapaces gravasen cos teléfonos dos seus pais como ven eles o festival e ao final acabar facendo un vídeo”. A participación dos máis pequenos acabará por verse reflectida no web do festival.

O caso de Sinsal ten certas diferenzas porque tirou da súa experiencia ao redor da Escola Sinsal para presentar un programa que fora diurno (o feito de terse desenvolvido nunha illa tamén condiciona moito a estrutura e característica do encontro) con concertos non só para nenos, senón que os adultos asistan ao mesmo tempo que os seus fillos. Hoquets, Unicornibot o Shangaan Electro foron as propostas musicais que tiveron unha ampla acollida. Pero tamén destinaron un espazo específico para que os nenos o viran como un aspecto máis lúdico con actividades paralelas como o sorrisómetro, o muro e a gravación do vídeo multitoma.